Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por ensaios clínicos realizados hai 13 anos

A farmacéutica Pfizer terá que pagarlle case 55 millóns a Nixeria pola morte de varios cativos

A empresa norteamericana experimentaba os seus medicamentos en 11 crianzas, que finalmente faleceron. Outras 181 sufriron efectos secundarios.

Redacción - 09:00 07/04/2009
Abu Madaki sostén a súa filla, quen probou o medicamento Trovan en 1996, e sofre dano cerebral

Abu Madaki sostén a súa filla, quen probou o medicamento Trovan en 1996, e sofre dano cerebral

A empresa farmacéutica Pfizer terá que pagar indemnizacións de case 55 millóns de euros aos familiares das 11 crianzas que empregou como cobaias para probar un novo medicamento, segundo informou esta terza feira a BBC.

A cantidade a pagar foi acordada entre a empresa estadounidense e os dirixentes do estado nixeriano de Kano, que responsabilizaban a Pfizer da morte dos cativos, mais a batalla legal non chegou ao seu fin, e as negociacións continúan.

O caso remóntase a 1996, cando unha epidemia de meninxite matou máis de 11 mil persoas en todo o país africano. A empresa Pfizer enviou, naquela altura, varios médicos que contactaron con 200 nenos e nenas para seren empregados como cobaias nos ensaios clínicos dun novo medicamento, o Trovan. Destes nenos e nenas, 11 morreron, e 181 sufriron danos cerebrais, entre outros efectos secundarios. Segundo contan dende o xornal The Independent, que tamén recolle esta noticia, pese a que a alerta sanitaria persistía, o fracaso da terapia experimental de Pfizer fixo que o equipo médico deixase o país pasadas dúas semanas dende que administrara os medicamentos aos cativos.

O estado de Kano, situado ao norte de Nixeria, pedíalle á empresa norteamericana unha indemnización de, aproximadamente, 1.500 millóns de euros. Polo seu lado, o goberno federal nixeriano comezou outro proceso civil, á parte, no que demandaba máis de 5.190 millóns de euros por danos, mais aseguraron que van retirar as acusacións se as negociacións entre Pfizer e o estado afectado chegan a bo fin. A vindeira audiencia do caso será o 26 de maio deste ano. Durante os encontros entre as partes actuaron de mediadores o antigo presidente dos EUA, Jimmy Carter, e o antigo líder militar nixeriano, Yakabu Gowon.

Se o caso non se resolve extraxudicialmente, podería chegar ao xulgados de Nova York
A primeira persoa que denunciou o caso foi Juan Walterspiel, un médico da empresa que, nunha carta enviada á dirección da Pfizer, aseguraba que as probas realizadas neste estado nixeriano tiña "violado normas éticas". Un día após enviar a carta, este médico foi despedido, aínda que a farmacéutica alegou que a medida non tiña relación coa misiva. Alén disto, ao longo de todo o proceso, a empresa defendeu que tiña autorización das autoridades locais e dos familiares dos meniños para probar o medicamento. Tamén dixeron que seis dos nenos morreran despois de tomar o Trovan, mais que os outros cinco falecidos só recibiran doses do Rocephin, un medicamento xa probado e certificado.

Nove anos despois, esta batalla legal que comezou un grupo de familiares, apoiados por un avogado nixeriano e outro estadounidense, podería chegar ao seu fin, se se resolve de xeito extraxudicial. Senón, aínda cabe a posibilidade de recorrer ao tribunal de apelación de Nova York. Este caso serviulle ao autor de best-sellers, John Le Carré, para escribir O xardineiro fiel.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na imaxe a actriz Rachel Weisz, quen rodou 'O xardineiro fiel', adaptación da novela de Le Carré que conta o caso de Pfizer
Na imaxe a actriz Rachel Weisz, quen rodou 'O xardineiro fiel', adaptación da novela de Le Carré que conta o caso de Pfizer
Sede central de Pfizer, en Nova York
Sede central de Pfizer, en Nova York