Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Tripla cita

O Xacobeo entra na primavera ciclista dando batalla a toda máquina

Bo rendemento do equipo, que simultaneou presencia esta fin de semana na Settimana Lombarda, o Gran Premio Miguel Induráin e a Volta ao Alentejo.

Redacción - 11:15 06/04/2009
O pelotón nas estradas portuguesas durante a Volta ao Alentejo

O pelotón nas estradas portuguesas durante a Volta ao Alentejo

Cobizan triunfo os heroes galegos do pedal que, a apenas un mes do comezo do Giro, batéronse en terras italianas na Settimana Lombarda. José Ángel Vidal, que dirixiu o equipo nesa cita, expresou a súa satisfacción co balance da proba, tanto polo punto de forma que dixo ver nos corredores como pola colleita de "experiencia e adaptación á forma de correr en Italia". A escadra galaica aínda sumará quilómetros no Giro del Trentino antes de competir de aquí nun mes pola maglia rosa.

Gustavo C. Veloso acabou a Settimana Lombarda na 13ªposición, logo dunha combativa actitude de todo o equipo, que na última etapa volveu sacar a gadoupa, co propio Veloso e David García, en dúas das fugas da xornada Montello - Bergamo, de 131.3 quilómetros. Con todo, o espectáculo principal acontecera un día antes, na etapa raíña, unha tirada "durísima" onde, gábase Vidal, o Xacobeo "no espazo de algo menos de tres minutos" meteu "seis dos sete corredores que trouxeramos aquí". "Iso quere dicir que imos ben, que a xente está collendo a onda e que se está adaptando á forma de correr en Italia", destaca Vidal, "iso pensando no Giro é moi positivo".

Tamén en Portugal e Nafarroa
Outra formación do Xacobeo Galicia viaxou estes días á Volta ao Alentejo. Na última etapa, con final en Évora, repetiu vitoria Barbosa (Palmeiras) e o francés Bouet (Agritubel) arrebatoulle, por un segundo, a volta a Héctor Guerra. Desde a Fundación Ciclismo Galego destacan tamén o papel de Alejandro Marque e David García, sétimo e noveno, respectivamente na xeral final, corredores galegos do Palmeiras – Tavira.

Non hai que esquecer ademais un terceiro desembarco xacobeo esta fin de semana, concretamente nas terras navarras de Lizarra. Aló, o equipo galaico, dirixido por Álvaro Pino, chegaba ao Gran Premio Miguel Induráin, unha proba de rapidez e potencia onde David Herrero chegaba como mellor baza, malia que a 30 km do final tivo que retirarse por un problema de cambras. Con todo, Pino salienta a "boa impresión" do equipo en conxunto, con presencia nas fugas de Vladimir Isaychev. "E ao final metemos no grupo dianteiro a Ezequiel", engade Pino.


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: