Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Monte Pío, esta sexta feira

Feijoo preguntaralle a Touriño polo estado das arcas públicas no traspaso de poderes

Esta quinta feira farao a comisión creada con dous membros do goberno saínte e dúas persoas designadas polo entrante.

Redacción - 09:00 02/04/2009

O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, reunirase esta sexta feira co seu sucesor, Alberte Núñez Feijóo, para concretar o traspaso de poderes, un proceso que comezará esta quinta feira coa primeira xuntanza da comisión destinada para este fin, que conforman dous membros do Goberno saínte -o conselleiro de Presidencia en funcións, Xosé Luis Méndez Romeu, e o secretario xeral de Presidencia, Gumersindo Guinarte-; e dúas persoas designadas polo entrante -os deputados Pedro Puy e Agustín Hernández.

O encontro entre Touriño e Feijoo desenvolverase en Monte Pío, na residencia oficial do presidente galego, e será a primeira ocasión na que os dous líderes aborden a transferencia de poderes, que o PP pediu de forma insistente tras as eleccións autonómicas do 1 de marzo.

A situación actual das arcas públicas será un dos primeiros asuntos que centrarán as conversas entre socialistas, nacionalistas e populares. Esta xuntanza coincidirá co último Consello da Xunta na VII Lexislatura, se finalmente a investidura de Feijóo como presidente se produce após as vacacións de primavera, na terceira semana de abril, como está previsto. Se se atrasa, o bipartito reunirase unha vez máis, aínda que fontes socialistas puntualizan que o "cronograma de consellos vaino marcar o PPdeG". A data da investidura do novo presidente fixaraa nos vindeiros días a Mesa da Cámara, que está pendente do monarca español, que debe ser informado puntualmente, pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, en persoa. A priori, os populares pretenden iniciar o debate de investidura o vindeiro 15 de abril, para que o día 17 de mañá Feijóo xa estea oficialmente elixido xefe do Executivo por parte dos deputados galegos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: