Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DE CARA A ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

Beiras exhorta á militancia a coller o temón do BNG

O líder dos “irmandiños” considera que hai que garantir o protagonismo dos afiliados que non pertencen a correntes organizadas e que son maioría na organización. Vídeo no interior.

R.Vilar(texto)/Pedro Sollla (vídeo) - 15:00 18/03/2009

Dúas semanas despois de exixir a dimisión da Executiva e de demandar unha refundación do BNG, o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, volveu comparecer diante dos medios de comunicación, acompañado desta vez de Luis Eyré, Concha Trigo e Xosé Constenla. A mensaxe foi moi clara: algo se está a mover no Bloque e é preciso que a militancia dea un paso á fronte para decidir o rumbo que ten que tomar a principal plataforma nacionalista do país.

Beiras cre que a día de hoxe, logo da dimisión da Executiva e da convocatoria urxente dunha asemblea extraordinaria, hai máis razóns para o optimismo. Porén, considera que hai un factor que vai ser clave para que o debate chegue a bo porto: a participación activa de toda a militancia. Por iso, dende o Encontro Irmandiño consideran que non se pode renunciar a unha asemblea aberta. A fórmula que defenden, que non vulneraría o regulamento interno, é que cada militante que queira asistir ao plenario nacional o comunique formalmente na súa comarca. Así, garantiríase unha asistencia ordeada de todos aqueles que queiran estar presentes no debate de maio.

Esta proposición, segundo Beiras, abriría a porta a toda aquela militancia que, sen pertencer a ningunha das forzas que conforman o BNG, é maioritaria en número. Coa fórmula delegados, que propuxo a maioría do Consello Nacional, córrese o risco de que os sectores organizados monopolicen a asemblea.

Mellores perspectivas

Os “irmandiños” consideran que o BNG abriu un proceso de reflexión que pode dar bos froitos. Porén, o propio Beiras sinalou que o camiño para a refundación do Bloque vai levar tempo. Así, sinala que a asemblea extraordinaria debería servir para unha análise profunda sobre a necesidade de acadar unha pluralidade real na organización e para chegar a un acordo político que sirva para que haxa unha estabilidade interna até unha Asemblea Naciona ordinaria, que tería que referendar a nova andaina iniciada.

Beiras reiterou que o cambio non pode vir da man do Encontro Irmandiño xa que recoñeceu explicitamente que este é un grupo minoritario dentre do Bloque. Porén, sinalou que a súa corrente quere que sexan os militantes os que protagonicen o proceso. Para iso, considerou crucial unha asistencia masiva da afiliación ás asembleas comarcais, tal e como dixo que xa ocorreu nos últimos días en Vigo, Lugo centro e Lugo sur. O noutrora líder do BNG, subliñou que só un proceso de debate aberto pode garantir a unidade da formación e evitar un “esgazamento”: “Se a militancia quere ser a protagonista, ninguén poderá impedilo”.

A dimisión da Executiva decidiuse a última hora
Segundo Xosé Manuel Beiras, os membros do Encontro Irmandiño exixiron na Executiva Nacional do pasado 5 de marzo a dimisión dos quince máximos dirixentes do BNG. Porén, a maioría da dirección (conformada por UPG e “quintanistas”) negáronse á mesma ao considerar que a convocatoria urxente dunha asemblea nacional xa era o recoñecemento explícito do fracaso electoral. Dentro da maioría oficial, só se escoitou a voz discordante de Ánxela Bugallo, que non se opuxo á dimisión da Executiva.

A respecto do que afirmou este venres Beiras, fontes consultadas por Vieiros, subliñan que foi o propio Anxo Quintana o que, menos de 24 horas antes do Consello Nacional, e logo de reunirse cos seus colaboradores máis achegados, decidiu aceptar a proposta do Encontro Irmandiño. Pouco despois, a UPG tamén se sumou á iniciativa. Pola súa banda, os “críticos” reiteran que souberon do cambio de posicionamento da liña oficial o mesmo sábado do Consello Nacional.


4.59/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: