Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS 1 DE MARZO

O voto exterior dálle outro escano ao PSdeG en Ourense

O Partido Popular mantén a maioría absoluta, mais pola mínima, logo de sumar 38 deputados.

Redacción - 10:00 10/03/2009

As previsións cumpríronse e o PSdeG conseguiu o seu quinto escano pola provincia de Ourense grazas ao voto emigrante a costa do PPdeG. Con estes resultados definitivos, os populares quedan con sete deputados por esta circunscrición, uns resultados que non poñen en risco a maioría absoluta obtida nas eleccións do 1 de marzo, mais que se axusta, ao quedarse cos necesarios 38 deputados. Así, os socialistas suman un total de 25 deputados no Parlamento e reeditan, grazas ao voto exterior, os resultados obtidos en 2005.

Segundo o escrutinio da Xunta Electoral Provincial de Ourense, nesta circunscrición recibíronse 22.527 votos do censo de residentes ausentes: 7.979 votos foron para o PSdeG e 6.465 para o PpdeG, o que supón unha diferenza de 1.514 apoios a favor dos socialistas. Mentres, o BNG tivo o voto de 659 electores da diáspora. Este cambio sobre os resultados do domingo electoral deparan que a socialista María Quintas se convirta na deputada número cinco do PSdeG a costa da popular Yolanda Díaz Lugilde.

Nas outras circunscricións, nada en xogo

No caso de Pontevedra, dos 90 mil residentes ausentes censados, só 30 mil participaron nos comicios electorais do pasado 1 de marzo. O reconto do sufraxio exterior deixou neste caso un 20% dos votos do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) declarados non válidos, xa que incumprían o requisito de achegar unha fotocopia dun documento que identifique ao votante.

En Lugo, outros 2.639 votos procedentes da emigración quedaron tamén fora das urnas ao non estar acompañados da documentación necesaria para certificar a súa validez. Ademais, outro milleiro de votos foron emitidos fóra de prazo, polo que tampouco puideron ser contabilizados. A Xunta Electoral Provincial ten aínda que escrutar 15.586 votos, uns 1.500 menos que nas anteriores autonómicas e uns tres mil menos que nas eleccións xerais.

Finalmente, na Coruña, foron desestimados outro 23,5% dos votos recibidos por non contar coa documentación identificadora, documento censal ou outros problemas. En calquera caso, o voto emigrante non poderá cambiar o resultado electoral que depararon as urnas o pasado 1 de marzo en ningunha destas tres circunscricións nas que aínda queda por saber o escrutinio definitivo.

O balance que si se pode facer é que o índice de participación dos residentes ausentes nestes comicios se situou en torno ao 27,5%, con preto de 29 mil votos pola Coruña,; 27 mil por Pontevedra; 19 mil por Ourense e 14 mil por Lugo.


3/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: