Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ESTUDO CIENTÍFICO

Os peixes son cada vez máis pequenos por mor da pesca

Unha investigación asegura que se pode corrixir a tendencia provocada pola pesca comercial, que captura os exemplares meirandes e deixa os menores.

Redacción - 14:05 05/03/2009

O peixe está a evolucionar cara a espécimes cada vez máis pequenos por influencia da pesca comercial, segundo un estudo publicado por científicos da universidade de Stony Brook (Nova York) na revista Proceedings of the Royal Society B.

Segundo o equipo investigador, é preciso que se cambie a política da pesca comercial de capturar os exemplares máis grandes, pois está a provocar que só sobrevivan os peixes máis pequenos e proliferen cada vez máis, o que fai que tamén vaia diminuíndo a calidade da pesca.

O blog Science Codex informa de que profesor David O. Conover asegurou que a actividade pesqueira durante séculos provocou, involuntariamente, a "reprogramación xenética" de moitas especies, que medran cada vez menos. Aínda que Darwin amosou hai 150 anos que a evolución lles permite aos seres vivos estar mellor adaptados ao seu contorno, a "selección antinatural" causada pola pesca selectiva humana está a converter os peixes en máis pequenos, menos fértiles e menos competitivos. Iso tamén provoca prexuízos tanto para os mariñeiros, que teñen menores capturas, como para os consumidores.

Porén, o estudo demostra por primeira vez que esta "antievolución" se pode corrixir, fronte a informes que aseguraban que os cambios xenéticos eran imposíbeis de desfacer. O proceso é, no entanto, lento, máis ca os cambios causados pola pescaría.

Nos experimentos que o doutor Conover dirixiu na costa de Long Island, estimou que unha recuperación completa pode levar arredor de 12 xeracións, aínda que dependerá da especie e do seu contorno. Isto pode significar moitas décadas para a pesca comercial, pois cada xeración de peixes pode durar entre tres e sete anos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: