Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O coche oficial será un Citröen C6

Dez consellarías e xente de fóra do partido, revela Feijoo do Goberno en preparación

O líder do PPdeG e próximo presidente da Xunta avanza tamén a presentación parlamentaria dunha proposta de "consenso" para a elección do director da CRTVG.

Europa Press - 14:15 04/03/2009

O candidato do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, afirmou este mércores que a clave para o seu novo Goberno será a "intelixencia" e "preparación" antes que a "ideoloxía" e afirmou, neste sentido, que non pedirá a militancia no PP aos novos membros da Xunta.

"Eu non vou pedir as siglas a quen estea disposto a gobernar Galiza", asegurou o futuro xefe do Executivo en declaracións á Cadena Ser. Feijoo afirmou así que contará con independentes, sempre que teñan "formación" e "determinación para traballar polos intereses xerais de Galiza". En canto a esta "preparación", o dirixente apuntou que a formación normalmente vai aparellada a salarios máis altos dos que paga a Administración.

Feijoo, que xa adiantou que o novo Executivo se reducirá a 10 consellarías, indicou novamente que o seu Goberno non terá como requisito a paridade. "Non sei con que número de homes e mulleres imos contar, tampouco me importaría facer un goberno só de mulleres", apuntou. Por outra parte, e preguntado polos polémicos coches ou mobiliario oficial, o popular resolveu que o coche oficial será un Citröen C6, e en canto ao equipamento das oficinas, asegurou que "se hai algunha cousa que se poida devolver, devolverase". "Pero, en canto ás obras civís e que están consolidadas, non imos empezar a romper o que se acaba de facer", ironizou. "O importante é que o Goberno que tome posesión en Galiza sexa austero e que vostede me critique a min cando observe que nun comportamento meu non hai a austeridade á que eu me comprometín", resumiu.

Na procura de consenso para a CRTVG
O futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que por primeira vez dende a formación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), o director será elixido polo Parlamento e non polo Goberno galego, cumprindo así co seu compromiso electoral.

"Nos 100 primeiros días teño o compromiso de remitirlle ao Parlamento propostas profesionais, para que teñan o visto bo no Parlamento", asegurou o futuro presidente. Feijoo afirmou que o vai "intentar", remitíndolle ao Parlamento o nome de profesionais, que máis tarde deberán ser discutidos coa oposición.

Preocupación polo debate sobre financiamento
En referencia ao novo modelo de financiamento autonómico, Feijoo mostrouse "preocupado". "O señor Solbes dixo que non ía ensinar o modelo de financiamento mentres non fosen as eleccións galegas, iso é un pésimo indicador", reflexionou. Ademais, confiou en que os membros da Cámara lle ofrezan o seu apoio na negociación do novo modelo, para que a vellez e a dispersión, como características propias de Galiza, sexan tidas en conta. Neste sentido, comentou que non sería "asumíbel" unir á crise económica outra "de financiamento dos servizos públicos".


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: