Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DEMOCRACIA DIXITAL

Políticos e actores contan a súa vida en Twitter

A rede social de mensaxes breves amosa un óptimo estado de saúde nos Estados Unidos, mentres no Estado Español políticos como Rosa Díez lles encargan o traballo a empregados.

Redacción - 09:30 04/03/2009

Twitter, a ferramenta social que permite compartir mensaxes breves sobre o estado actual das persoas usuarias, está a ter un importante uso por parte dos políticos dos Estados Unidos, o seu país de orixe e onde conta con máis público.

Varios congresistas e senadores actualizan ducias de veces a diario a súa conta de Twitter enviando mensaxes dende teléfonos móbiles e computadores, co que manteñen un contacto máis próximo co seu electorado.

Unha das políticas máis prolíficas, e a segunda en número de seguidores, é a senadora de Missouri Claire McCaskill, que mesmo comentou o desgusto da súa nai por ter enviado unha mensaxe durante un discurso do presidente Obama. Este é só un exemplo da sinceridade que amosan os políticos estadounidenses na rede.

De feito, hai unha web que recompila os escritos de todos os lexisladores dos EUA e elabora unha clasificación dos máis seguidos e máis prolíficos: tweetcongress.org. O máis seguido de todos é o senador John McCain, que supera os 106 mil subscritores, aínda que non salienta pola súa frecuencia de actualización. O senador e ex-candidato á presidencia dos EUA, de 72 anos, recoñeceu que precisa axuda para enviar mensaxes dende a súa Blackberry.

No outro extremo está o representante John Culberson, de Texas, que se considera o primeiro da cámara en usar o Twitter, hai case un ano, e tamén o que enviou máis mensaxes: case dúas mil, cuadruplicando a seguinte da lista, Nancy Pelosi, que habitualmente liga notas de prensa.

No Estado Español as cousas están moito menos avanzadas. Así, sóubose que Rosa Díez, a líder de UPyD, non é a persoa que escribe o seu Twitter, cando o seu perfil se actualizaba mentres mantiña unha entrevista en directo en TVE, como destapou no seu blog Juan Luis Sánchez.

O mundo do espectáculo
Pero Twitter tamén é usado por persoas famosas, nomeadamente actores e actrices. Así, varios membros do elenco e do cadro técnico da serie televisiva Heroes van contando a súa vida, anécdotas da rodaxe e mesmo publican fotografías. O máis coñecido de todos é Greg Grunberg, que interpreta o papel de Matt Parkman, o policía que le a mente, e que ten máis de 21 mil seguidores. Tamén están en Twitter Brea Grant, que interpreta o papel da súa veloz namorada Daphne Millbrook e James Kyson Lee, que encarna a Ando, o xaponés amigo de Hiro Nakamura, entre outros.

Non só estes actores contan a súa vida na internet e nos móbiles. Tamén o fan o matrimonio formado por Ashton Kutcher (con máis de 208 mil seguidores) e Demi Moore (con algo máis de 60 mil), ou varios dos protagonistas da nova xeración de Star Trek, ademais do actor inglés Stephen Fry, en constante viaxe polo mundo.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: