Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Peche de campaña do PSdeG-PSOE en Compostela

Touriño promete "máis cambio" e Zapatero inxecta paixón na parroquia socialista

"Non estraguedes o futuro que comezamos a construír", advertiulle Pérez Touriño á militancia, afirmando ver unha "encrucillada decisiva" neste fin de campaña. "Galiza nunca contou tanto no Estado", subliñou antes ca el Rodríguez Zapatero.

R. N. - 23:35 27/02/2009

"Que non quede ningún voto na casa", arengaba o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño, cara ao final da súa intervención no mitin de peche de campaña este venres pola noite no mercado de Amio, en Santiago de Compostela. "O cambio merece continuar", solicitou. Cos temores da abstención aboiando os últimos días nas ringleiras socialistas, e logo dun acto a media campaña na Coruña onde a caída no entusiasmo e o poder de convocatoria acenderan alarmas nos cuarteis do partido, todo estaba preparado para que este final de campaña na capital do país fose ferramenta exemplificadora cara á militancia e os medios do músculo socialista en Galiza.

"Apelo á enerxía imparábel que esta noite vexo aquí", desafiou Emilio Pérez Touriño á audiencia, avisándolles de que "cada voto é decisivo". Dirixíndose especialmente á mocidade, e logo de erixir aos máis novos en protagonistas do cambio de hai catro anos, instoulles a "tomar o futuro nas mans" e non pechar a "porta do cambio" aberta en 2005. "Por unha Galiza de progreso, moderna, tolerante, culta, libre e xusta", pediulle á concorrencia o voto ás portas do peche de campaña o candidato socialista á reelección como presidente da Xunta.

Oferta de pacto para á volta do 1M
"Galiza estaba discriminada e sempre á cola, pero agora estamos á par", debullou o líder dos socialistas. Así, e logo de agradecer o que, na opinión de Touriño, foi un compromiso "claro" do goberno español coa Xunta, recuperou a galería de prioridades xa exposta nos últimos días de campaña. Expuxo o candidato que a súa primeira chamada o 2 de marzo será para os representantes sindicais, empresariais e do resto de forzas parlamentarias, co obxectivo de convidalos a negociar "xuntos" o que cualificou dun "gran acordo" necesario para que o país afronte a actual conxuntura económica.

Insistiu así e todo Touriño en que Galiza ten hoxe "máis musculatura económica" e "máis igualdade social" e advertiulle á militancia e simpatizantes que enchían o espazo de Amio este venres que "está en xogo seguir adiante co cambio ou volver atrás". E porfiou ao respecto o candidato socialista na necesidade de contribuír á recuperación da confianza da cidadanía no contexto da economía recente, chamando os rivais a "evitar a confrontación" nese eido e poñer ideas enriba da mesa, momento no que recordou as ofertas concretas dos socialistas, como é o caso do salario de inserción laboral de 422 euros anunciado durante a campaña.

De seguido, e obviando desta volta o segundo eixo do triplo convite de pacto anunciado esta semana, o relativo á necesidade de avances no autogoberno, brincou Pérez Touriño directamente ao asunto da lingua, reiterando até por dúas veces que Galiza "ten dous idiomas: o galego e o castelán" e comprometéndose a rematar co que cualificou de "guerra da lingua". Con todo, referiuse de xeito impreciso no eido lingüístico a presuntos "dogmas e imposicións" e afirmou querer neste eido "liberdade e tolerancia".

Críticas á campaña "máis sucia" e insistencia contra a abstención
"O PP quere gañar coas urnas baleiras", recuperou Pérez Touriño a admonición usada xa en campaña anteriormente, acusando os populares de querer gañar en Galiza para "usar a Xunta contra o goberno de España". Chamou Touriño á cidadanía a "extirpar co bisturí das urnas" o que cualificou de "cancro do PP" para Galiza. No momento de maior belixerancia cara á actual oposición parlamentaria, o líder socialista denunciou a campaña de "insultos e calumnias" realizada polo PP, formación á que tamén acusou de tentar "rachar o país en dous" sementando "confusión, mentiras e desconfianza".

Ao fío, recordou Touriño o caído candidato popular en Ourense, "un defraudador fiscal que querían para pilotar a economía do país", e zoupou tamén contra o cabeza de lista coruñés dos populares, lembrando a investigación da fiscalía en curso na que se ve envolto. Foi nesa liña que puxo en dúbida a capacidade do líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, de presentar batalla electoral baseada en principios e valores democráticos. "Esta campaña puxo en evidencia o verdadeiro rostro de Feijoo", censurou, reprochándolle que convertera este treito electoral na campaña "máis sucia" da historia de Galiza. "A nosa estratexia é e será responder a cada insulto cun proxecto e cunha idea", asegurou, acusando aos representantes da "dereita" hoxe en Galiza de seren "incompatíbeis coa modernidade". "Opóñense a todo o que teña que ver con cambio, progreso e modernidade", reprobou Touriño ao respecto do PPdeG.

"Galiza necesita máis cambio, máis reformas, modernización, emprego e igualdade, e a solución non é retornar ao pasado", arengou o líder dos socialistas galegos, advertíndolles aos seareiros que se achegaran este venres a este derradeiro mitin antes da cita coas urnas que o domingo está en xogo "un modelo de sociedade, de país, de convivencia e de valores". "É unha encrucillada decisiva", analizou, "xogamos entre avanzar ou perder os avances e conquistas que puxemos en marcha", avisou.

Zapatero teloneiro e avalancha de ministros

Os ministros de Cultura, César Antonio Molina, a de Administracións Públicas, Elena Salgado, a de Pesca, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, o novo ministro de Xustiza, o ceense Francisco Caamaño, o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco ou o ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, foron algúns dos principais persoeiros que arrouparon o mitin socialista.

O acto político co que pechaban esta campaña comezara coa intervención da secretaria de Organización, Mar Barcón, quen abriu os discursos ao berro coreado polo auditorio de de "que chova, que vente, Touriño presidente". Logo dun breve discurso de Barcón, que apelou fundamentalmente á mobilización das mulleres, defendendo as políticas que nesta materia desenvolveu o Goberno, deulle paso ao presidente do goberno español José Luís Rodríguez Zapatero.

Foi de feito Zapatero quen logrou os momentos máximos de euforia da parroquia socialista concentrada en Santiago este venres no medio dun despregue de cartaces, bandeiras e simboloxía diversa do partido. O líder estatal dos socialistas centrou os momentos principais da súa intervención na apelación á mobilización do electorado, advertíndolle á cidadanía que o próximo domingo cada voto será "decisivo" e repetindo a idea de que "o que non se consiga o domingo non se vai amañar o luns". "Custou moito traballo o cambio hai catro anos", repasou Rodríguez Zapatero, lanzándolle mensaxes directas á mocidade que, na súa reflexión, "abriu portas a un novo tempo e botou fóra os caciques". "A única forma que ten o PP de gañar é que a xente non vote", teimou Zapatero.


4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: