Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Raquel Arias

"Soubemos adaptarnos e somos máis áxiles en captar e responder ás necesidades cidadás"

Falamos coa cabeza de lista do PP na provincia de Lugo, ex alcaldesa de Sober e ex deputada no Congreso.

R. Noguerol - 11:35 24/02/2009

Non vai botar de menos a alcaldía? E o escano no Congreso?
Ser alcalde é algo que sen dúbida imprime carácter. É onde se perciben os problemas a pé de rúa e onde dun xeito máis inmediato hai que acometer as solucións. Pero á fin, cando unha persoa decide responder con responsabilidade aos desafíos que o partido lle propón, sempre acaba sentíndose reconfortada. A etapa na alcaldía de Sober foi marabillosa, pero tamén gocei representando os cidadáns no seu momento na deputación provincial. E do mesmo xeito, foi moi satisfactoria a etapa en Madrid, no Congreso dos Deputados. Á fin, no ámbito territorial e institucional onde me toque ser a voz dos veciños tratarei sempre de dar o mellor e responder ás necesidades dos cidadáns.

O líder do seu partido presentou a súa escolla como exemplo de renovación e do que cualificou de "nova política". Na súa opinión, que achega vostede persoalmente a esa idea de "nova política" que di prometer o PPdeG?
Creo que é algo que vai máis aló de quen somos as persoas. Alberto Núñez Feijoo é o responsábel último da elaboración dunhas listas onde lle toca elixir a persoas concretas, pero iso non quere dicir que existan moitos compañeiros que puideran asumir a tarefa que a min me encomendan. A xeito particular, si creo que podo achegar por exemplo un importante traballo nun municipio onde os cidadáns avalaron a tarefa do PP cunha porcentaxe de votos moi superior á habitual. Penso que o traballo e o esforzo nos levaron aí. Creo tamén que podo achegar unha visión capaz de atender por igual ás perspectivas do rural e do urbano e garantir ese equilibrio necesario no deseño das políticas. E por suposto, tamén o punto de vista feminino.

Son pouco ambiciosos os partidos, tamén o seu, á hora de outorgarlles responsabilidades ás mulleres? Tivo que sufrir de moitos cobadazos?
Creo que o PP está respondendo mellor que outras formacións a ese desafío. Eu penso que é un chanzo imprescindíbel a camiñarmos en todas as formacións políticas, a de empurrar o valor e a achega particular que as mulleres podemos e debemos introducir no escenario político. A min preocúpame moito por exemplo ver como un Goberno fai a maquillaxe de fixar igual número de conselleiras que de conselleiros e logo desenténdese do que é a estrutura real dos escalafóns por baixo de aí, que é onde realmente comprobamos o desfase entre a presenza masculina e a feminina.

Agora que fala desa contraposición urbano-rural, e pensando nesa división que se veu facendo dos sectores da boina e do birrete, como de esvaída a ve vostede, aínda explica non poucos movementos internos do partido?
Creo que iso é algo que no seu momento se distorsionou e, do que puidera haber, está claramente superado. A convicción hoxe en día de calquera dos que estamos comprometidos co proxecto do PP é a de que recollemos o sentir de toda unha sociedade no seu conxunto. E aí non pesa máis nin o rural nin o urbano, nin homes nin mulleres. Desde o punto de vista da necesidade de respondermos a necesidades concretas do día a día e de fornecermos de servizos a cidadanía, temos que partir dun programa político global. Eu non vexo que exista esa contraposición da que vostede fala e, procedamos máis especificamente dunha outra área xeográfica, estou segura de que nos complementamos.

En que área temática lle gustaría traballar máis en profundidade no Parlamento?
Veño enchoupada da cultura política municipal, e se algo ensina ese ámbito é a saber que hai que traballar en todas as áreas. Eu non teño predilección especial por ningunha en concreto, aínda que si é ben certo que por esa orixe e por moitas das temáticas que me ten tocado afrontar máis afondo, todo o relacionado coas tarefas do ambiente e o desenvolvemento rural no seu conxunto podo dominalo moito mellor.

Como cabeza de lista pola circunscrición de Lugo, que prioridades salienta para a provincia nos seus encontros coa cidadanía?
En Lugo hai necesidades similares ás de toda Galiza e nalgúns casos, a necesidade de atención é máis urxente. Pensemos no problema do desemprego por exemplo ou nas eivas na atención sanitaria, onde comparativamente os cidadáns seguen avaliando nas enquisas a sanidade galega con notas moito máis baixas que en calquera outra comunidade autónoma. O noso programa contempla accións globais e estruturais que responderán con rapidez a estas e outras prioridades, para Galiza e tamén para Lugo.

E se se dese o caso... en que departamento dun Goberno liderado por Feijoo lle apetecería máis desenvolver o seu traballo?
Iso non entra dentro das miñas prioridades. Eu parto da idea de que o PP vai gañar por maioría absoluta estas eleccións. E para a tarefa de goberno hai moitos e ben cualificados compañeiros. Non teño unha particular ambición de formar parte do executivo. De feito, sedúceme especialmente esa entrada na tarefa parlamentaria. Ese é o meu obxectivo inmediato, integrarme rápido no grupo parlamentario do PPdeG e poñerme a traballar en favor dos proxectos que o noso partido propón para Galiza.

E como argumenta ese optimismo cara á maioría absoluta. E en particular, avaliándoo desde a provincia de Lugo, onde o PP, caída de Cacharro polo medio, sufriu moita erosión nos últimos tempos no seu poder electoral... que motivos exporía vostede para pensar que esa tendencia vai mudar desta volta?
Penso que vai ser o momento da viraxe. A percepción a pé de rúa durante esta campaña é moi boa. Os cidadáns ven con optimismo as nosas propostas. Efectivamente, acumulamos unha baixada importante noutras citas, e aí existen moitos factores que neste momento penso que temos resolto. Desde o ámbito da comunicación, estou segura de que estamos sendo capaces de transmitir con maior efectividade as nosas propostas. E desde o punto de vista da captación das necesidades cidadáns somos tamén moito máis áxiles en detectalas e responder a elas. Soubemos adaptarnos aos novos tempos e estamos sabendo transmitilo, e iso vai ter un resultado concreto en termos electorais.

Unha última cuestión, a vostede que é xornalista de formación, en tempos coma este. Non lle proe o verme periodístico? Non lle gustaría estar do outro lado da trincheira?
Moito, o xornalismo é unha forma de ser e unha actitude fronte á análise da realidade. Bótoo moito de menos, pero en todo caso, satisfaime amplamente a actividade que desenvolvo a prol dos cidadáns desde o ámbito da política.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: