Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESPOIS DO 1M

A xestión de residuos: Un reto para toda a sociedade

O desenvolvemento económico trae canda si unha cada vez maior produción de lixo. A gran pregunta é: que facemos co refugallo?

R.V - 11:30 22/02/2009

No noso país a preocupación pola xestión do lixo non comeza até finais da década dos oitenta. A Unión Europea daba indicacións sobre a necesidade de ter plans específicos para os residuos e apoiaba os mesmos con fondos. O goberno de Manuel Fraga puxo en marcha en 1992  a Sociedade Pública Galega de Medio Ambiente (Sogama). A sociedade semipública (onde Unión Fenosa posúe o 49%) segue a xestionar na actualidade o lixo da meirande parte dos concellos galegos.

Pero o que o propio Manuel Fraga definira como un dos seus maiores éxitos políticos na Xunta, axiña comezou a facer auga. O executivo apostara por un modelo centralizado nun único concello (Cerceda) e no que o principal tratamento limitábase á incineración de residuos nunha planta termoeléctrica. O resto de lixo que non era quen de tratar (arredor de 400 mil toneladas anuais) ía parar directamente ao macrovertedoiro cercedense da Areosa.

Antes de abandonar a Xunta, os conservadores planeaban a construción dunha nova incineradora que aliviase á de Cerceda, ou, en último caso, aumentar a capacidade das caldeiras desta última. En 2005 o macrovertedoiro da Areosa xa era un gravísimo problema ambiental e a planta cercedense demostraba día a día que non podía tratar máis que unha parte do lixo que chegaba.

No acordo de goberno entre socialistas e nacionalistas contemplábase a necesidade de elaborar un novo plan de residuos e de reorientar Sogama. Contra o remate da lexislatura, a Consellaría de Medio Ambiente presentou un plan que tería que estar desenvolto totalmente en 2017. No mesmo, o departamento de “Pachi” Vázquez avoga por crear cinco plantas en diferentes puntos de Galiza que traten en orixe parte do lixo e alivien así as instalacións de Cerceda. Á esta última planta só chegarían a partir dese ano os rexeites imposíbeis de recuperar. O vertedoiro da Areosa deixaría de ser un lugar de depósito continuo e pasaría a ser só de apoio.

Os colectivos ecoloxistas consideran que o novo plan ten aspectos positivos pero cren que ten que ir máis aló. Así, piden que se constrúan plantas de tratamento comarcal (falan dun mínimo de 12)  que aposten pola reciclaxe. Tamén demandan o cesamento definitivo da incineración a medio prazo, algo que Medio Ambiente ve inviábel.

Nos seu programa electoral o BNG aposta por crear un imposto especial sobre o lixo que axude a reducilo. Tamén cre necesario a posta en marcha de políticas que fomenten un consumo responsábel e coincide cos ecoloxistas na necesidade dun tratamento comarcal dos residuos e a reorientación da planta de Cerceda cara a compostaxe.

Os “populares” consideran que é preciso acabar co lixo que chega aos vertedoiros e apostar pola “valorización” dos residuos (sen descartar unha maior aposta pola incineración).

O PSdeG coincide coa Consellaría de Medio Ambiente na necesidade de reducir no posíbel a incineración e apostar pola compostaxe en orixe. Tamén fai especial fincapé na necesidade de campañas de sensibilización cidadá e na aplicación de proxectos de I+D que permitan a redución de residuos.

SE CONTINÚA O PACTO DE GOBERNO
É  previsíbel que de cara a 2013  a Xunta sente definitivamente as bases para o cambio de modelo de xestión de residuos. Será labor da Consellaría de Medio Ambiente buscarlle ubicación ás novas plantas de tratamento (falta por ver se serán cinco como quere a consellaría ou 12 como exixen os ecoloxistas). Cerceda seguirá a ser o centro neurálxico do tratamento de residuos, aínda que até este municipio chegará a metade de lixo. A incineración en planta termoeléctrica manteríase pero sen sobrepasar nunca as 500 mil toneladas actuais

SE CAMBIA O GOBERNO
O PPdeG tamén se compromete a buscar solucións que rematen co modelo exclusivamente centralizado en Cerceda. A principal diferenza é que os conservadores non descartan en ningún momento un aumento na incineración de residuos, que se complementaría con outros modelos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: