Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

Touriño 'relea' cos vendedores ambulantes de Ferrol

Un dos comerciantes explicoulle que aínda que a chuvia impida que monten o posto teñen que pagar a taxa diaria igualmente: o socialista prometeulle traballar nun seguro de mal tempo.

Redacción - 18:15 18/02/2009

O candidato do PSdeG á Presidencia do Goberno, Emilio Pérez Touriño, percorreu esta cuarta feira durante case unha hora o mercado do barrio de Recimil, en Ferrol. O socialista recibiu apertóns de mans, abrazos e o apoio de numerosos cidadáns que se confesaron seguidores históricos do PSOE, mais tamén as reclamacións dos vendedores ambulantes sobre a precariedade do sector.

Nun dos postos, Touriño -que estivo acompañado polo alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e pola candidata número tres pola Coruña, Beatriz Sestayo- foi 'abordado' por un dos comerciantes que, durante case dez minutos, lle explicou algunhas das dificultades do seu traballo diario.

Queixouse de que aínda que as condicións meteorolóxicas lles impidan colocar o seu posto de venda, os concellos obríganos a pagar a taxa correspondente a un día de feira. Ademais, denunciou que a falta de control nos mercados provoca que moitos vendedores non teñan os papeis en regra.

Logo de escoitar as súas reclamacións, o candidato socialista aseguroulle que se estudará a posibilidade de crear un seguro por mal tempo, similar ao que xa funciona no sector do mar, para facer fronte ás posíbeis perdas económicas.

Protesta dos traballadores de Navantia-Ferrol

Ao finalizar o percorrido polo mercado das 'casas baratas', Touriño asegurou ante os medios que os traballadores non serán os que "paguen a crise" como "sempre a pagaron co Partido Popular", e comprometeuse a "pór toda a carne no asador" para "recuperar a economía e salvagardar o emprego".

A visita do socialista estivo acompañada pola protesta de case un cento de traballadores dos estaleiros públicos de Navantia-Ferrol, que solicitaron unha reunión con Touriño para explicarlle a situación económica da compañía e a falta de avances na negociación do convenio colectivo, estancado dende hai 13 meses.

Primeira chamada como presidente aos reitores

Por outra banda, o tamén secretario xeral do PSdeG, mantivo unha xuntanza matutina cos reitores e vicerreitores das tres universidades e con outros investigadores como Darío Villanueva, Guillermo Rojo, Uxío Labarta e Felipe Criado. Touriño apostou por "involucrar" o sector empresarial no financiamento universitario e da investigación e a innovación.

Ademais, comprometeuse a que a investigación alcance o 2% do PIB nos "próximos anos", co fin de que Galiza "pase da economía do ladrillo á do coñecemento". Finalizou o seu encontro asegurando que a primeira chamada que faga como presidente -do mesmo xeito que lles dixo antes aos axentes sociais- será aos tres reitores. No entanto, non precisou a orde que seguiría.


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: