Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GIRO DEI GROSSETO

Mourón foi o mellor do Xacobeo en Italia

Rematou a carreira italiana pero o equipo profesional galego xa está metido de cheo na Vuelta a Andalucía, onde David García foi o que mellor comezou.

Redacción - 11:59 16/02/2009
David García durante a primeira etapa da Vuelta a Andalucía

David García durante a primeira etapa da Vuelta a Andalucía

Igual que aconteceu nos primeiros días, Juan Mourón foi o corredor máis destacado do Xacobeo Galicia no Giro dei Grosseto, e o de Betanzos foi tamén o mellor na clasificación xeral, onde acabou na 24ª posición, a tres minutos do italiano Daniele Pietropolli, que gañou a carreira. Mourón saíu na terceira e última etapa como home mellor clasificado do equipo galego, situado na 17ª posición a só 13 segundos do líder, e malia estar co grupo de cabeza toda a xornada descolgouse na terceira subida cando os ciclistas máis fortes apertaron.

Durante a etapa Mourón exerceu como líder do equipo, polo que tivo o luxo de ter traballando para el a homes como Mosquera, Veloso ou Herrero. O eventual líder do Xacobeo declarouse "contento porque a xente de diante, ademais de ser de primeira liña, está xa moi forte pensando nas clásicas de primavera".

Comezou a Vuelta a Andalucía
Este domingo arrincou a carreira andaluza cunha etapa cronometrada de 7´3 quilómetros pola localidade de Xaén. A vitoria foi para o catalán Xavier Tondo, que marcou un tempo de oito minutos e 31 segundos. David García foi o mellor clasificado do Xacobeo, cedendo só 25 segundos con respecto a Xavier Todo.

O luns dispútase a 2ª etapa sobre un percorrido de 169 quilómetros con lixeiras irregularidades e só dúas subidas de terceira categoría. O terreo é propicio para que algúns corredores que, en principio, non van loitar pola vitoria na xeral procuren o seu protagonismo mediante unha escapada e aquí algúns corredores do Xacobeo poden ter as súas opcións. A outra hipótese é que o grupo chegue unido á meta e a vitoria se decida no sprint final.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: