Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Beatriz Blanco Filgueira

"A investigación precisa de máis orzamentos, planificación, coordinación e criterios xustos na contratación"

No especial electoral Galiza 2009, a voceira de Precarios – Galicia, Beatriz Blanco, achéganos unha escolma de propostas "indispensábeis" en materia de I+D.

Redacción - 09:00 10/02/2009
Beatriz Blanco Filgueira, Precarios - Galicia

Beatriz Blanco Filgueira, Precarios - Galicia

Desde a Asociación de Persoal Técnico e Investigador Non Contratado, Precarios-Galicia, teñen claras cales podían ser algunhas das iniciativas que o Goberno que saia das urnas o próximo 1 de marzo debería considerar prioritarias no ámbito da investigación. Velaí un resumo:

1."É necesaria a unificación baixo un mesmo organismo de todas as axudas de financiamento de Recursos Humanos ofertadas polo goberno autonómico para evitar heteroxeneidade de condicións, desaxustes entre convocatorias, reiteración de solicitudes, etc.)"

2."Pedimos tamén o Modelo 0+4 para a contratación de investigadores predoutorais (actualmente, os dous primeiros anos subsídianse en forma de bolsa, o que implica recortes nas prestacións sociais e unha negación dos dereitos laborais básicos de calquera traballado)r. A Carta Europea do Investigador, aprobada pola Comisión Europea, sinala que un investigador é un traballador desde o inicio da súa carreira (a diferenza doutras CCAA, como a Comunidade de Madrid, a Xunta de Galicia segue negándolle ese status)".

3."Reclamamos a equiparación salarial dos investigadores coa remuneración doutros titulados superiores na administración pública. Exemplos: un doutorando financiado co programa María Barbeito (mínimo de 2 anos de experiencia) cobra algo máis de 1000 € mensuais fronte os mási de 1700 dun profesor de ensino secundario, tamén licenciado; 1400 € mensuais dun investigador Ángeles Alvariño fronte ós case 1900 € que cobra un profesor axudante doutor na USC; investigadores predoutorais no seu primeiro ano, 600 €, fronte ós case 1200 € dos doutorandos financiados polo goberno central".

4."É fundamental o fomento e mellora da relación entre a empresa e a universidade, dun modo transparente e que evite que se utilicen os servizos públicos en beneficio privado. Maior inversión das empresas nos seus sistemas de I+D. Dende a Administración: promover a creación de cooperativas para crear plataformas de I+D+i conxuntas; fomento de programas para desenvolver investigación en empresas; xornadas ou recursos electrónicos que poñan en contacto os diferentes grupos e centros de investigación con empresarios interesados, etc".

5."Debe mellorar o financiamento dos grupos de investigación: finalizar a duplicación de axudas, aumentar a capacidade dos grupos de xestionar recursos humanos directamente, e avaliación dos resultados".

6."Sería moi útil a creación dun portal da I+D+i galega, que sirva de foro unificado para a oferta de emprego en investigación e de lugar de orientación que atenda as necesidades dos investigadores: anuncio de cursos de formación, de xestión de proxectos, asesoramento para a creación de empresas de I+D, rexistro de investigadores de Galicia de fácil manexo e utilidade, etc. Fomentarase a difusión estatal e internacional das convocatorias e a competitividade entre organismos, para a captación dos mellores candidatos".

7."Cómpre unha política activa de eliminación de irregularidades na investigación e protección do persoal investigador. A Xunta de Galicia permite que os organismos de investigación convoquen bolsas (na maioría dos casos, sen ningún dereito social ou laboral) para cubrir postos de traballo ou ata permite que xente desempregada ou sen financiamento estea desenvolvendo actividades de investigación".

8."A Xunta de Galicia non pode subsidiar directa ou indirectamente centros que atentan contra a dignidade dos seus traballadores subsidiándoos con bolsa. Con excepción das destinadas a facer o doutoramento, que teñen unha serie de dereitos limitados, supoñen que os seus beneficiarios non cotizan á Seguridade Social, non teñen dereito á prevención en riscos laborais, non teñen garantida unha cobertura en caso de accidente, non poden ter permiso de maternidade ou vacacións salvo que a convocatoria o recoñeza explicitamente, etc".

9."Deben estabelecerse baremos xustos e equitativos onde primen os criterios científicos para a contratación ou mobilidade de investigadores".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: