Conversa con Xulio Lois, teólogo
Xulio Lois exerce de teólogo e de galego por Madrid. É o presidente da asociación de teólogos Xoan XXIII e foi durante máis de trinta anos recoñecido mestre dunha reflexión cristiá encarnada nos procesos de liberación, a través do seu oficio de profesor do Instituto Superior de Pastoral, do seu exercicio como cura en Vallecas e como animador de comunidades de base. Nun momento electoral, nun momento, ademais, no que a dereita política trata de ser identificada de novo como a aliada da Igrexa, cómpre recordar o elemental da mensaxe de Xesús en clave tamén política.
Durante as últimas décadas do século pasado era moi normal falar da relación entre política e teoloxía, había unha teoloxía política e espertaba unha teoloxía da liberación. Ti mesmo escribiches sobre a relación fe-política. Parece que a posmodernidade e a teimosía da curia, sobre todo en latinoamérica, fixeron recuar esas achegas. Agora que Galicia se viste de eleccións, en Irimia preguntámonos se a fe en Xesús segue a ter algo que dicir en relación coas opcións e os comportamentos políticos dos cristiáns?
Efectivamente parece que hai un silencio sobre ese aspecto socio-político do Xesús histórico, ao que eu me achegaría desde a centralidade da “opción polos pobres”, e que é un asunto con implicacións políticas claras. Ese é un eixo nuclear da experiencia histórica de Xesús e así foi recoñecido noutros momentos, non tan afastados, pola mesma xerarquía católica, como aconteceu no sínodo dos bispos do ano 71. Ese é, ademais, o punto de partida, a perspectiva novidosa da teoloxía da liberación: desde onde se fai a reflexión sobre a fe? Desde que lugar histórico e social? E non só da teoloxía da liberación. Hai moi boa teoloxía que, con diferentes matices, segue as pegadas do que Karl Barth enunciara como a “proclividade de Xesús cos de abaixo”. Xesús, desde logo, non era neutral.
E, agora, anos despois, co avance das investigacións sobre o Xesús histórico, segue sendo válida esa centralidade da opción polos pobres?
Os datos que nos achega a investigación reforzan, en primeiro lugar, a condición social de Xesús. Forma parte dunha familia humilde de aldea, que sería medio labrega, medio carpinteira, das que ofrendaban un par de rulas, das tantas que vivían nunha economía de subsistencia. Tamén da extracción social do seu grupo se pode afirmar que cando menos seis eran da mesma orixe humilde. E, despois, está o dato tremendo e irrefutable do seu proceso final. Como di Pannemberg “sufriu a morte dun excluído”. En segundo lugar está o que Xesús dixo. O pobre forma parte da declaración programática de Xesús: a lectura de Isaías coa que comeza o seu periplo público (Os cegos ven, etc...aos pobres anúnciaselles a boa noticia), a resposta que lle dá aos seguidores do Bautista, o discurso central das benaventuranzas, a parábola do xuízo das nacións, as parábolas en xeral, etc... É como se nos pobres se xogase a causa de Xesús na Historia. O que si poderiamos falar é de novas facetas sobre as que se está a desenvolver a reflexión teolóxica, novos lugares desde os que interpretar a experiencia histórica de Xesús: a perspectiva feminista, a ecoloxista, a indixenista,...
Tamén está a forma en que, simplemente, vivía...
As actividades sandadoras de Xesús foron sinais de preferencia polos excluídos; a súa actitude coas mulleres é sorprendente; a comensalía de Xesús ten un significado moi especial pola súa especial proximidade cos pobres, por riba de calquera convencionalismo. Como di R. J. Karris a Xesús matárono pola forma en que comía. Eran comidas igualitarias, nas que ninguén debía quedar fóra, comidas escandalosas, con pecadores, que seica precipitaron a morte de Xesús.
Todo ese estilo pode de algunha maneira influír non só nos contidos das opcións vitais, mesmo políticas, dos cristiáns, senón ademais nun xeito de estar ao servizo dunha causa, hai unha maneira moi particular de liderar...
Eu diría que hai algo importante na sabedoría cristiá a ese respecto: o proceso kenótico (o abaixarse, o descender, o facerse sinxelo cos sinxelos) marca todo un estilo de estar no mundo, efectivamente, iso que se ten formulado como “fíxose pobre para enriquecernos coa súa pobreza”. Evidentemente hai algo de choque cultural cos estilos de liderado político que se levan. Pero cómpre, ao mesmo tempo, clarexar algo importante que se ten terxiversado: a pobreza non se pode sacralizar. Cómpre afirmar que a estratexia de Xesús é facerse pobre para superar a pobreza, para a liberación da pobreza e da escravitude. Sobre o estilo que preguntas, digámolo cun xogo de palabras: o cristianismo é cuestión de “proximidade”.
É aceptable a neutralidade, a distancia ou o pasotismo?
O decisivo é vivir “en consecuencia”. Eu creo sinceramente que se na Igrexa hai medo a recuperar a humanidade de Xesús é porque hai pánico ao seguimento e as súas consecuencias. O encontro co outro –pobre- ábrenos aínda máis ao misterio da transcendencia, mesmo cando o intento de superar a pobreza resulta ser un fracaso. Tamén é certo que hai “lugares sociais” desde onde non se pode ver, nin oír, nin interpretar a mensaxe de Xesús. En cambio, como di Jon Sobrino, desde a solidariedade real cos pobres ábrense moitas cuestións necesarias para interpretar a mensaxe evanxélica.