Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FÚTBOL

Os grandes do país víranse de costas cara ao fútbol feminino

Dos cinco equipos galegos que militan na segunda división estatal só o Pontevedra está integrado nun club cunha estrutura próxima á profesionalidade.

Pablo García Martínez - 12:00 06/02/2009
Miriam Ríos, dianteira da Irmandiña, xogando co Orzán

Miriam Ríos, dianteira da Irmandiña, xogando co Orzán

Na actualidade hai catro equipos galegos na segunda división estatal, pero ningún na categoría máis alta, que recibe o nome de Superliga Feminina. Na segunda división xogan o Olivo de Vigo, o Orzán da Coruña, o Pontevedra, o Val do Ulla e o Atlético Arousana. Cando reparamos na situación de desprotección que sofre o fútbol feminino tendemos a atribuílo ao pouso que aínda sobrevive hoxe das inxustizas que as mulleres sufriron sistematicamente nos diferentes eidos que compoñen a sociedade na que vivimos. Utilizando como punto de partida esta idea, podemos levar a cabo unha análise máis fonda onde vemos que ningún dos cinco clubs de fútbol feminino máis importantes (que non poderosos) do país está vencellado aos dous titáns do fútbol galego.

Hoxe hai no país máis de 800 licenzas de xogadoras afeccionadas, repartidas entre os cinco equipos da segunda división estatal e os 36 da liga galega. Estas licenzas son as que se usan en todas as divisións menos na Superliga, onde xa terían licenza profesional, malia que profesionalidade tamén sexa unha utopía para moitas das xogadoras desta categoría. Galiza aínda está lonxe das 2000 licenzas afeccionadas de Andalucía, as 1600 de Valencia, as 2300 de Euskadi ou as 3100 de Catalunya. Está lonxe, mais non tanto como para non ter un equipo con protagonismo no fútbol feminino do estado dende os bos tempos do Karbo Coruña, a comezos dos anos 80.

Despois naceu a liga galega que, dende hai 10 anos, nutre de equipos a segunda división estatal. A competición comezou con sete equipos e foi medrando ano a ano até os 36 cos que conta na actualidade. Os primeiros en consolidarse foron o Bertola, o Atlético Aguiño ou o Atlético Arousana, que chegou a xogar a fase de ascenso a Superliga fai catro tempadas. Despois viñeron outros como o Olivo, Orzán, Pontevedra, Val do Ulla, Rácing de Ferrol ou o Friol. O crecemento foi exponencial dende o comezo, superándose na tempada 2006/2007 os 20 equipos; chegando ao ano seguinte aos 30 e acadando este ano 41 entre liga galega e segunda división estatal.

Falta de inversión económica
Non hai ningún equipo na Superliga feminina mais tampouco hai ningún equipo cunha estrutura equiparábel á da maioría de equipos da primeira división estatal. Un exemplo claro tivémolo o ano pasado cando o Olivo gañou a súa división e despois xogou unha fase de ascenso contra Barcelona e Pozuelo na que foi claramente superado. Os motivos desta situación son económicos: a falta de inversores dispostos a patrocinar aos equipos de fútbol que participan nas ligas femininas, privándoos da posibilidade de aumentar a súa estrutura e irse facendo profesionais pouco a pouco.

A solución é complexa, sobre todo se temos en conta o estancamento que sufriron as inversións nos últimos meses. Aínda así, cando repasamos a clasificación da Superliga feminina vemos que oito dos 16 equipos que militan son seccións integradas dentro de clubs instalados no primeiro nivel do fútbol masculino, como é o caso de: Rayo Vallecano, Levante, Espanyol, Athletic Club, Barcelona, Atlético de Madrid, Real Sociedade e Málaga. Os equipos da Superliga teñen presupostos que non alcanzan os 400.000 euros e, dándolle unha volta a todo isto resulta inevitábel que xurda a seguinte pregunta: por que os equipos grandes do país non apostan polo fútbol feminino? É difícil comprender que o Deportivo teña 12 equipos masculinos para os que destina un presuposto de 60 millóns de euros, e rexeite investir en dar un pulo ao fútbol feminino. Este investimento suporía menos do 1% do seu presuposto. Un caso semellante é o do Celta, que ten nove equipos compostos por homes, e un presuposto de 12 millóns para o que crear un equipo feminino de primeiro nivel estatal suporía un gasto do 1'3%.

Malos tempos para os equipos de fútbol que nos últimos anos gastaron cantidades de diñeiro moi superiores ao patrimonio co que avalaban estas inversións. Malos tempos tamén para os equipos do país. Vacas fracas nas que ningún dos grandes equipos de fútbol poderá dicir que se arruinou por ter investido no desenvolvemento do seu equipo feminino.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: