O candidato socialista e o xornalista Manuel Lombao presentaron un libro de conversas publicado por Xerais.
O Museo do Pobo Galego, ese foi o simbólico lugar elixido por Edicións Xerais para presentar o seu último libro “Conversas con Emilio Pérez Touriño”, escrito polo xornalista Manuel Lombao. No decurso do acto, Touriño aproveitou para referirse á actualidade política. Así criticou ao PPdeG por erguer unha polémica co idioma que el cualificou de ficticia. O presidente da Xunta chegou a asegurar que Fraga era máis coidadoso cas cuestións lingüística cá actual dirección conservadora.
Para Touriño, o Goberno ten que seguir con políticas normalizadoras para evitar que a lingua do país perda máis usos: “Normalizar quere dicir que un galegofalante teña dereito a ir á xustiza ou á policía e ser atendido no seu idioma. Nese mesmo sentido tamén é preciso normalizar o sistema educativo”. Logo de afirmar que el era “castelánfalante e nótaseme bastante” sinalou que os galegos “sentímonos orgullosos de ter dúas linguas de forma natural. Tan noso é o castelán como o galego”.
O aínda presidente da Xunta aproveitou a presentación do libro para definirse como “socialdemócrata e galeguista”. A respecto do anterior: “Eu non creo nunha nación que se conforma dende hai séculos e que permanece igual. Son os cidadáns os que conforman iso que se chama nación”.
Manuel Lombao, a quen Touriño definiu como “bo xornalista e amigo”, sinalou que buscaba un libro cómodo de ler e por iso intentou que fose dunha extensión reducida (156 páxinas): “Quería un achegamento humano á figura do presidente. Intentei que fose un libro distendido”. Pola súa parte, Manuel Bragado de Edicións Xerais mostrou a súa satisfacción.