Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
IMAXE DIXITAL

Mozilla aposta polo formato de vídeo aberto Theora

Investiu 75 mil euros en desenvolver ferramentas para que o códec se poida reproducir directamente no Firefox 3.1.

Redacción - 18:14 27/01/2009

Mozilla anunciou esta semana que a próxima versión do navegador Firefox, a 3.1, poderá reproducir nativamente vídeo no formato aberto Theora. Estes filmes poderanse incluír en calquera páxina web como se fosen imaxes e reproduciranse sen necesidade de instalar ningún engadido.

Ademais, a Fundación Mozilla destinou 75 mil euros a financiar o desenvolvemento de novas ferramentas de reprodución para visualizar, gardar e transmitir vídeos en Theora e audios no seu formato equivalente Vorbis. Ese fondo de garantía administrarao a fundación sen ánimo de lucro Wikimedia.

Deste xeito, Theora sería unha alternativa, e quizais ameaza, para os formatos equivalentes de Adobe (Flash), Apple (Quicktime) e Microsoft (Windows Media), que obteñen importantes beneficios cobrando polas licenzas de uso das súas tecnoloxías privativas.

Actualmente o líder en vídeo pola internet é Flash, formato hai pouco liberado parcialmente e que se pode reproducir cun engadido gratuíto, ademais de ser o que empregan YouTube, Google Vídeo e practicamente todas as webs con contidos audiovisuais. Pero o software para crear Flash é caro.

Mozilla pretende rematar con esas restricións, que tamén lles afectan aos códecs MP3 e H.264 (de vídeo en alta definición), que implican un pagamento aos posuidores das súas respectivas patentes. Da súa parte está tamén que Theora e Vorbis poderían ser incluídas na próxima especificación da linguaxe HTML. E outros navegadores están tamén a incluír soporte para Theora, como Opera.

Aínda que a aposta de Mozilla é improbábel que chegue a poñer en perigo a hexemonía do Flash, o feito de que estea a investir cartos no proxecto é un síntoma de que está a tomar Theora en serio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: