Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

TeGa confía na inercia das municipais para dar o salto ao Parlamento desde A Coruña

A formación liderada por Xoán Gato, que este luns presentou listas na Coruña e Lugo, confía en sumar 8 mil votos máis para gañar escano na Cámara.

Redacción - 10:45 27/01/2009

Como "unha nova vía para normalizar Galiza", presentou este luns na Coruña o líder do partido, Xoán Gato, o proxecto de Terra Galega para estas eleccións. Apuntou Gato que Galiza é unha terra que até o de agora "non estaba normalizada politicamente" e comparou o escenario político, "monopolizado por dous grandes partidos estatais que tratan a nosa terra como se fose unha sucursal" co das outras nacionalidades históricas do Estado Español. "Tratan os galegos como súbditos en lugar de como persoas con todos os dereitos", indicou, negándolle ao BNG "a pretensión de representar todo o galeguismo". "Trátase dun partido que nalgúns puntos, como é o caso do galego, roza o fascismo, o idioma non pode ser motivo de polémica e división entre os galegos", dixo Gato.

Terra Galega reivindicou especialmente durante este acto político a xestión nos municipios onde goberna. "Co noso labor nos municipios demostramos que hai outra forma de xestionar os recursos públicos, que hai futuro e que Galiza pode deixar de ser o país ao que o progreso doutras partes do Estado chega 20 anos tarde", afirmou Xoán Gato.

Segundo os números que manexa a formación, co traslado ás eleccións ao Parlamento das cifras conseguidas nos últimos comicios municipais, Terra Galega pode obter representación na circunscrición d'A Coruña se é capaz de conseguir 8 mil votos máis. "Lograremos saltar o listón do 5%", subliñou Gato en referencia á barreira estabelecida para gañar asento na Cámara, freo que por outro lado cualificou de "sistema antidemocrático". "Somos a cuarta forza política de Galiza", sentenciou.

A lista que Terra Galega presenta pola provincia da Coruña, encabezada polo propio Xoán Gato, ten no segundo posto a Xosé López Balado, avogado e coordinador local do partido na cidade herculina. A continuación aparecen: Asunción Méndez Vilalta; Rosario Figueiras Icasuriaga, concelleira no Concello de Arteixo; María Pilar Ferreiro Díaz, responsábel da mocidade do partido; e Xaime Castro González, de Ferrol.


3/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: