A deputada Olaia Fernández demanda unha explicación ao goberno estatal polo incremento de 40 céntimos no traxecto A Coruña-Vigo.
Desproporcionado e claramente abusivo. Así definen dende o BNG o incremento da peaxe na Autoestrada do Atlántico (AP-9) neste ano que acaba de comezar. A deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, exixiu ao executivo central que explique as razóns para esta suba, que ascende ao 4,4% entre Vigo e A Coruña.
Fernández Davila recorda que "non existe ningunha alternativa viaria", xa que a Nacional 550 "é en realidade unha travesía urbana, cunha velocidade que non supera os 50 quilómetros por hora na meirande parte dos tramos". Ademais, insiste en que esta suba "prexudica directamente ás economías familiares e das empresas que diariamente utilizan esta infraestrutura básica para Galiza".
Das máis caras do Estado
O BNG tamén subliña que a AP-9 é unha das autoestradas máis custosas de todo o Estado, ademais de ser unha das que conta con menos bonificacións. Asemade, lembra que a suba de prezos "non se xustifica atendendo aos criterios que utiliza o Ministerio de Fomento para actualizar as peaxes", como é o IPC interanual, a antigüidade da concesión e a relación entre o tráfico previsto e o rexistrado".