Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Teresa Táboas, conselleira de Vivenda

"O solo non está para facer millonarios, chegou o momento de beneficiar a maioría"

"Con nós a vivenda deixa de ser negocio de especuladores para ser dereito básico", subliña a conselleira de Vivenda en entrevista con Vieiros.

Antía Rodríguez / Roberto Noguerol / Vídeo: Isabel G. Couso / Fotos: César Galdo - 09:00 15/01/2009

Acostumamos pedirlles aos políticos que nos visitan pola redacción que nos conten brevemente como foi que se decidiron a dar o salto á política, cal foi o seu caso?
Dende a miña profesión como arquitecta sempre estiven implicada no desenvolvemento das políticas desde o Colexio de Arquitectos de Galicia, entendendo que podiamos axudar a facer unha Galiza mellor. Sempre existía por tras esa ilusión de ver como explorar o potencial indubidábel que temos, de transformar a realidade e o territorio a un escenario mellor. Porque fomos quen de ir polo mundo e poñer o noso gran de area e debemos ser capaces tamén de facer esa transformación aquí mesmo. No sentido en que esa era unha constante na miña vida, no momento en que se me propón botar unha man desde o Goberno e nunha área concreta que ten que ver coa miña profesión de arquitecta, para min foi unha honra. E un pracer ademais de poder formar parte dese primeiro executivo no que se integra unha forza nacionalista e con esa arela de facer un país mellor.

Vostede chega á militancia no Bloque nun momento especialmente axitado a nivel interno. De calquera xeito, véselle cómoda, que fortalezas e debilidades ve no BNG actual?
Como formación nacionalista integrada por diversas sensibilidades, e desde o entendemento de que esa é tamén mesmo unha das razóns que eu valoro e pola cal milito no Bloque, o primeiro é o BNG como proxecto. Vou tentar sempre desde o cargo no que estea, como membro do Consello Nacional ou como simple militante de base, de que por riba de calquera sensibilidade e das tensións que haxa e que ás veces ten que haber, estea o nacionalismo e o BNG como proxecto.

Témoslle escoitado ser contundente ao respecto do estoupido da burbulla inmobiliaria. Será a normalidade asumir que a curto prazo o sector pese moito menos no PIB?

Por desgracia, quen gobernou este país durante moito tempo defendeu a idea de vivenda como ben de consumo e un sector da construción cun grande peso. Na UE falamos dunha media dun 7% e aquí estamos no dobre, arredor do 15%. A tendencia que nos levou a esa burbulla, e da que xa advertíamos desde o Colexio de Arquitectos, non ten que ver coa economía produtiva, nin vai da man dun sector da construción produtivo e profesionalizado. Aquí creouse un engano, e o máis grave é que existía consciencia desa deriva, de que a xente se estaba endebedando de por vida e que se tentaba que a economía medrase artificialmente. Esa grave irresponsabilidade estana pagando os compradores de vivenda, os que non conseguen acceder a unha propia e tamén o propio sector da construción, onde as empresas medaban engaioladas por ese artificio.

Non nos podemos gabar de crecementos económicos que se producían en base a unha grande mentira e obstaculizando un dereito básico das persoas como é o de ter un espazo físico onde viviren. Porque a vivenda debe ser, xunto con sanidade ou educación, un dos piares do estado do benestar. E iso no Estado Español e en Galiza non foi así, onde todo era un negocio rápido e presa de especuladores. A desgraza no noso país é que nunca houbo unha política de vivenda. E é tamén por iso que a crise económica será aquí máis fonda, porque o axuste dese sobredimensionamento do sector sobre o PIB levará en primeiro término moita xente ao paro.

As cifras e estatísticas indican que rehabilitación e alugueiro eran ámbitos pouco explorados en Galiza... en que medida a nova Lei de Vivenda poderá cambiar o escenario?
Nós intentamos que a rehabilitación se converta no gran impulsor das políticas de vivenda. Por un lado temos un importantísimo patrimonio a rehabilitar, en grandes cidades, onde é máis doado, pero tamén en pequenas vilas e mesmo en núcleos xa deshabitados onde é difícil ás veces que poidan recuperarse se non é con políticas vencelladas ao sector privado e na medida en que haxa unha actividade económica.

E tamén apostamos pola rehabilitación porque é un xeito de tender pontes do pasado co futuro a través do presente. Unha nación como a nosa, ten que saber quen é en función tamén desa conexión con seu pasado, porque no momento en que renunciemos a ese vencello estaremos perdidos. En segundo lugar e alén da identidade está a cuestión do desenvolvemento sustentábel, mirando por non estragar máis territorio e en favor da utilización dos materiais que temos de noso, tal e como fixo a arquitectura tradicional. A pedra e a madeira son capaces de xerar unha importante actividade económica dentro do propio país. Mesmo se recuperan oficios perdidos e, o que é máis importante, apóstase pola especialización, un concepto importante nese contexto de racionalización do peso do sector da construción, onde a rehabilitación terá un papel clave. Segundo os nosos cálculos, por cada euro de inxección da consellaría para rehabilitación xéranse tres euros de negocio no sector. Un negocio ademais que redunda fundamentalmente no contorno local, sendo un estímulo real para a economía produtiva.

Paseando polas rúas dalgunhas cidades e vilas a nós parécenos que habería evidencias para a expropiación de máis dunha e dun cento de vivendas, considera vostede que vai ser un instrumento moi usado pola administración?
Por un lado é unha ferramenta legal que nos vai permitir nun momento dado actuar con contundencia, pero sobre todo está pensado coa idea de dar exemplo e tratar de que sirva de sedución engadida para que a xente pense importancia e necesidade da rehabilitación e que se valore o potencial das propiedades de que dispón. É dicir, a expropiación é o último chanzo, pero antes hai toda unha serie de pasos, acompañados de axudas e medidas que pode aproveitar.

Poñamos por caso, a administración ofrécelle facerse cargo como administración pública, rehabilitala, poñela en aluguer e devolverlla en perfecto estado cando se recupere o 70% do investimento. Se aínda nese estremo a alguén non lle interesa, que saiba que o Goberno ten un instrumento para ir máis aló e expropiar. Temos en todo o país edificacións á beira da ruína, fachadas ou balcóns ameazando a seguridade dos peóns, milleiros de queixas na mesa de alcaldes ao respecto de vivendas en mal estado que crean problemas a veciños... Pois agora existe na propia Lei de Vivenda un mecanismo que permite unha actuación directa do Goberno. No fondo, a idea última é educar no respecto ao patrimonio, no entendemento de que hai obrigas de coidado para coa propiedade.

En particular a cuestión do aluguer semella requirir dun cambio social, é dicir, mesmo coa crise apertando a xente parece que quere ter vivenda de seu, hai que cambiar iso?
A xente tampouco alugaba na medida en que na media dos países europeos se estaba facendo debido a outros factores. Como é o caso de que vían que os prezos se disparaban. Quen non escoitou esa historia de veciños ou amigos que compraban un piso e que o prezo se duplicaba dun día para o outro e contaban cantos millóns lle gañaran. Iso disuadía de alugar a moitas persoas, pensando en ganancias extras. No momento en que non haxa incrementos da vivenda por riba do IPC e que o contexto non estea tan afastado do que acontecía noutros países á xente optará máis polo aluguer. O anterior derivaba tamén da especulación e dese artificio creado coa vivenda.

Ralentízase o mercado da vivenda e a nivel estatal caen os prezos, pero en Galiza mantense unha pequena subida neses prezos? Cal é o motivo?
Os ciclos económicos non van á par nunca en Galiza. Do mesmo xeito que chegamos máis tarde ao boom inmobiliario, agora os prezos xa están baixando, aínda que se perciba un ritmo diferente. A grande mentira e o artificio cae e os prezos descenden en picado. Non sucedeu antes debido á grave irresponsabilidade de quen fomentou e incentivou o tipo de políticas que levaron a iso. Nós desde que chegamos ao Goberno hai tres anos e medio tratamos de ir á raíz do problema e de ser contundentes nas políticas a aplicar.

En tempo preelectoral viñéronse activando nos últimos tempos plataformas sociais, nomeadamente entre a mocidade con lemas como "vivenda digna". Entendendo que o da vivenda será tema de actualidade outra vez. Que prioridades defenderá o BNG en materia de Vivenda nesta campaña?
Nós seguiremos a defender a vivenda como un dereito e asumimos a grande responsabilidade de poñer todo o que sexa necesario en marcha para que ese dereito se poida exercer. A propia Lei de Vivenda é un auténtico código de acceso a ese dereito de vivenda.

Faime graza escoitar ese uso que os partidos estatais fan da Constitución de 1978 moitas veces para usala contra os nacionalismos e por exemplo negar a demanda dun Estatuto de Nación. Pero nunca se lembran do artigo 47, o único que rexeita claramente a especulación en todo ese texto constitucional. Dinnos que seica é anticonstitucional que poidamos ter un Estatuto de nación? Eu dígolles: o anticonstitucional é non ter posto en marcha políticas serias de vivenda. No BNG iso témolo moi claro: a vivenda é un dereito, e non debe ocupar máis territorio do que faga falta e ademais debe ampararse un sector profesionalizado, especializado e nos parámetros correctos.

Non lle parece que había certa percepción social ao respecto da necesidade de suprimir a figura do alcalde-promotor, por que non foi posíbel que a Lei de Vivenda incluíse esa incompatibilidade?
Claro que existía, e a Consellaría de Vivenda e Solo era consciente diso e por iso introducimos no proxecto no seu momento a incompatibilidade do alcalde-promotor no seu concello. Pero atopámonos que outro departamento de goberno entendía que isto non debería ir na Lei de Vivenda e levaron a que a norma estivese dous meses estancada, con negociacións para que cando menos aparecera apenas como unha cuestión ética. Nós queríamos que a cousa fose doutro xeito, pero a cuestión, estamos nun goberno de coalición, rematou doutro xeito.

Non hai moitos meses que o Consello de Contas volvía subliñar unha eiva na política de parques empresariais (ben é certo que referida a 2005). Especulación, falta de prioridades, ausencia de estratexias a medio prazo... Que fixo ou fai a consellaría para virar ese escenario?

A realidade coa que nos atopamos en 2005 era de falla de planificación e de solo empresarial. En 16 anos había un gran baleiro e tivemos que actuar con velocidade fronte a un escenario de pequenos polígonos sen xeito que non estaban pensados dentro dunha estratexia nacional e unha visión de país clara que resolvese ese caos. Tivemos que actuar por exemplo fronte ao problema de parques baleiros, coas parcelas vendidas e ás que as empresas que o querían non podían acceder. Non había planificación e por riba permitírase a especulación. Fronte a iso, lanzamos o plan Galiza Suma, artellado arredor do eixo atlántico e das dúas grandes áreas do interior.

E en apenas tres anos fornecemos de máis solo do que fixeran en dezaseis anos anteriores, tendo ademais unha planificación que multiplicará o actual. Unha aposta estratéxica importantísima desde o punto de vista económico e partindo dunha visión global que incluíu estudos de viabilidade. Arteixo, Lugo, Mos, Pontevedra, Santiago... grandes focos de atracción para que as empresas poidan desenvolver a súa actividade.

Falaba da necesidade de ter unha visión global, un concepto que se manexou tamén ao respecto do Plan Sectorial de Vivenda Protexida, proxecto que creou non poucos conflitos. Como enfronta estas protestas?
O plan sectorial xorde precisamente da necesidade de obtención de solo. Nós cando chegamos ao Goberno, o primeiro grande problema que tivemos, no medio dun boom inmobiliario e a obsesión polas segundas residencias, foi a falta de solo para facer vivenda protexida. Nin se obrigaba a construír vivenda protexida nin, de feito, se construía. Os planeamentos municipais esquecían o solo residencial mentres vendían patrimonio público.

Tomamos dúas decisións. Dunha banda iniciamos a modificación da Lei de Solo de Galicia de 2004 (convertida na Lei de Medidas Urxentes en Materia de Vivenda e Solo), para reservar o 40% do solo das grandes cidades do noso país para vivenda pre-solicitada. O primeiro que pensamos foi que había que actuar sobre as reservas de solo, mais había un problema: moitos concellos non tiñan e aínda non teñen planeamento. Esta Lei aplicaríase naqueles concellos que teñen o seu PXOM adaptado á Lei, pero é que de 315, só 21 concellos están nesta situación, e destes 21, só dous son grandes: os de Lugo e Santiago. Que facemos cos demais? Sabiamos que tiñamos que ter outra figura máis rápida que a Lei para actuar e daquela, logo da modificación da Lei de Ordenación do Territorio de 1995, naceu o Plan Sectorial. A clave era poder responder á demanda, do mesmo xeito que facíamos cos parques empresariais. O Plan permite desenvolver supramunicipalmente estes solos. É unha ferramenta rápida, capaz de dar resposta áxil á demanda de vivenda protexida.

Foi o primeiro Plan Sectorial de todo o Estado Español e fixémolo en Galiza, dando exemplo, desde un departamento nacionalista, de que sabemos o que temos nas mans. Será unha figura chave que permitirá ordenar o territorio, chegar alí onde haxa necesidade de vivenda protexida, e desenvolver ámbitos de vivenda de calidade, con equipamentos públicos e espazos verdes que duplican o que pide a Lei do Solo. E non só respondemos á necesidade da xente, tamén fornecemos de carga de traballo o sector da construción neste momento de reaxuste do sector.

Mais non foron poucas as protestas, con gobernos locais á cabeza...
Algúns xa se encargaron de manipular e irlle ditando información errada aos veciños, dicíndolles “Vanvos levar as casas”. Isto non é así, ningunha casa vai quedar afectada polo Plan Sectorial. Se está dentro da zona recollida, o que se fai é por exemplo, crear arredor un parque afastando as novas vivendas un bocado.

A desinformación tamén parte doutro grande erro que se deu no noso país, por mor dese artificio inmobiliario: moitos propietarios do solo aínda non se deron de conta de que esa época pasou, e de que o un solo rústico é un solo rústico e non vale máis do que lle dá o poder público, que é quen ten as competencias para valoralo. A irresponsabilidade dalgúns políticos levara no país a que o urbanismo pasase de ter unha función social a servir coma nunha vara máxica para converter en ricos uns poucos. Por desgraza, algunha xente viu como se facía isto e pensou, “Se a este lle van recualificar o terreo, por que non mo van facer a min, por que non vou gañar eu máis?”. O solo non está para facer millonarios, senón para que o público decida: aquí unha vivenda, aquí un monte a protexer, aló unha leira a cultivar, aquí infraestruturas. Ordenar o territorio. Iso é urbanismo.
O engano non vai durar moito máis. A xente xa está sendo consciente do que pasou estes anos. O BNG levaba anos loitando por iso. Chegou o momento do público, do urbanismo: non para facer uns poucos ricos, senón para beneficiar á maioría.

Dende o contorno PP acusan a Xunta de "actuar como promotora inmobiliaria" e o PPdeG ten advertido que se chega ao poder derrogará algunhas medidas desenvolvidas polo seu departamento... pensa vostede que periga a estabilidade desas iniciativas? Chegarase a es estremo?
Alégrome de que o digan porque no fondo estanse retractando, e dicindo claramente que queren volver ao de antes. A que nun sector que é minoritario catro promotores se fagan ricos e que a xente estea endebedada de por vida. Se é o que de verdade queren, que o digan. Nós estamos nas antípodas do que pensa o PP no referido ao sector inmobiliario: cremos que debe haber unha actuación pública, clara, responsábel, para evitar o que temos hoxe en día.

Non queren que os galegos teñan vivendas máis accesíbeis, mellor ventiladas, máis iluminadas, nin máis grandes? Parece que queren pisos dun dormitorio e 26 metros cadrados. O BNG quere pisos de 40 metros cadrados, corredores anchos, fiestras amplas, en edificios que teñan ascensores que axuden á xente maior ou ás persoas con problemas de mobilidade, a acceder aos pisos. Os do PPdeG van ao revés. Cando o mundo neoliberal, ese que tanto gababan, do mercado libre, resulta que caeu, e no país berce dese mundo comezaron a habilitar medidas de intervención pública, eles seguen na mesma.

Cando se presentaron as Normas do Hábitat, dende o PPdeG díxose que ían facer un 25% máis caras as vivendas. Que marxe manexa a Consellaría sobre este aumento posíbel dos prezos?
Hoxe en día os prezos das vivendas están baixando. Mais, por que subiron antes? Non pola maior calidade vivenda, xa que o prezo da construción foise mantendo. O que realmente se disparou foi o prezo do solo, un 215%. E o que pagaba o solo ao final era o comprador. As Normas do Hábitat non inciden no prezo final, o que o fai é o prezo do solo. O que non podemos dicir é que, porque o solo é caro, teño que meter á xente a vivir en pisos de 26 metros cadrados.


Por exemplo, no noso país deixaron construír vivendas libres con patios de luces máis pequenos que os das vivendas protexidas, casas mal ventiladas e iluminadas. Fixéronse portas de cuarto de baño que non deixan entrar unha cadeira de rodas.. No país con maior número de maiores de Europa, non planificaron, nin sequera, un oco para o ascensor en edificios de máis de catro alturas. Así ateigan despois as queixas e solicitudes. Nós chegamos e corriximos ese tipo de cousas.

Son cuestións mínimas, básicas: iso son as Normas do Hábitat que puxeron tanto dos nervios a certos promotores e a certos alcaldes, porque lles ían ao peto. Porque se queren facer 50 vivendas, nese edificio, coas Normas só lles caben 48, e acaban gañando menos. Pensan no peto, pero non na xente. E nos titulares dáselle moita voz a eses promotores, pero pouca sobre o apoio doutros sectores, como os maiores ou a Cogami.

Falou antes dun dos conflitos que enfrontou ao seu departamento co seu socio de goberno. Se o 1 de marzo os votos o permiten, e cando se forme o novo goberno, sería de esperar que a negociación se faga máis polo miúdo a efectos de reparto competencial, para evitar roces dese tipo?
O primeiro no que pensamos é en obter un gran resultado. Iso permitirá despois, no pacto de goberno, traballar polo miúdo. Hai que lembrar que aínda quedan moitas cousas por facer, e que hai unha sociedade agardando por nós, pola valentía e polas iniciativas que temos en marcha, e que temos moi claro até onde queremos que cheguen. Por iso o pacto se debe desenvolver con moito coidado, porque o que queremos é transformar en positivo este país. Galiza debe ser o mellor sitio do mundo vivir e para traballar.

Afondando un chisco máis, coas competencias xa transferidas... que opinión lle merece a existencia dun Ministerio de Vivenda?
O Ministerio de Vivenda non é preciso, porque non ten competencias. Creouse así ía medrando a burbulla inmobiliaria, nun período moi conflitivo. Mais sen ter competencias, si ten os cartos para os plans estatais, que para nós supoñen, máis ou menos a terceira parte do investimento anual. Por iso pedimos que se territorialicen os fondos porque, se nos tocan 200 millóns, debemos dispoñer deles. Nós sabemos como investilos, temos as competencias e sabemos da nosa realidade socieconómica. Manteremos un traballo institucional correcto mentres existan, pero somos sabedores de que son unha entidade prescindíbel, e eles tamén o saben.

E gustaríalle repetir, outros catro anos, á fronte da Consellaría de Vivenda?
Agora mesmo quero, en primeiro lugar, ter a ilusión e a coraxe para facerlle fronte a esta campaña, traballar polo país e chegar a ter un excelente resultado; despois xa se verá. Se volvemos gobernar, para traballar por todo o que precisan os galegos e galegas, haberá que facer un pacto de goberno claro, tendo as cousas moito máis definidas. No momento no que vivimos, é preciso saber do noso lugar neste mundo. E o que veña detrás, xa terá un camiño andado.



Outras entrevistas en profundidade:


4.85/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: