Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE da BBC

Non todo o mundo odia a Bush

Israel, Cosova, Xeorxia e, sobre todo, África, entre os territorios que estrañarán o presidente saínte dos EUA.

Redacción - 09:00 14/01/2009

Cando o mandato de George Bush chega á súa fin, é o momento de avaliar os seus oito anos a súa acción á fronte do goberno dos EUA. Aínda que é famosa a súa impopularidade a nivel internacional e xa é considerado o peor presidente estadounidense da historia, tamén hai países onde o botarán en falta.

A web de información da BBC fai unha análise das consecuencias do remate do goberno Bush, que marcha cun 73% de rexeitamentos entre a súa cidadanía. Aínda que os zapatos que lle arrebolaron en Iraq simbolizan a opinión que ten o mundo sobre Bush, quedan recantos onde estrañarán o 43º presidente dos EUA.

Segundo algunhas enquisas, George W. ten unha taxa de apoiso do 80% en África, e en Cosova xa conta cunha rúa co seu nome, grazas ao seu apoio a prol da independencia do país. Tamén, evidentemente, Israel lle ten moito que agradecer a Bush polo seu apoio, demostrado nos últimos días durante os seus ataques a Gaza.

De feito, analistas estadounidenses pensan que Israel datou a ofensiva xusto antes da marcha de Bush deliberadamente. O país hebreo sabía que podía contar co presidente saínte, mais non coa imprevisíbel reacción da administración de Obama.

Aínda que Bush foi o primeiro presidente dos EUA en apoiar a creación dun estado palestino, é improbábel que Palestina quede cun bo recordo del. Porén, nalgúns círculos no Líbano ségueselle a ter aprecio, mesturado con desgusto. A administración apoiou as faccións pro-occidentais libenasas que levaron ao asasinato do ex-primeiro ministro Rafik Hariri en 2005, que acabou levando á instauración dun goberno liderado por políticos liberais, anti-sirios e pro-occidentais

África
Pero o continente que mellor lembrará a Bush é África. Segundo informa a BBC, en Darfur moita xente púxolles de nome aos seus fillos George Bush. Na súa visita ao continente, en febreiro, foi recibido con emoción por multitudes de xente. O feito de que o exército dos EUA non estea a combater en África axuda.

O que de verdade elevou a popularidade de Bush en África foi a decisión de aumentar as axudas económicas, sanitarias e humanitarias, que chegaron aos cinco mil millóns de dólares en 2008.

Algunhas repúblicas ex-soviéticas, como Ucraína ou Xeorxia, que aspiran a entrar na OTAN, tamén lamentarán a fin da administración Bush. En calquera caso, que se bote de menos ou non a Bush dependerá do xiro que lle dea Barack Obama á política exterior.

Os internautas
Os lectores da web tamén achegan o seu punto de vista. Así, Hazim, dende Bara, asegura: "A política de Bush en Iraq significou que xa non poida saír a pasear despois das dez da noite". Mentres, Gerd Hildebrandt, de Colonia, di: "A miña muller é americana e se George Bush non fose presidente ela seguramente non aceptaría vir vivir comigo a Alemaña. Grazas, George!"

Ironicamente, a BBC engade que Hugo Chávez, Fidel Castro ou Mahmud Ahmanideiad tamén botarán en falta o home que tanto lles gustou odiar cando teñan que negociar co seu sucesor, o home ao que todo o mundo lle quere.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: