Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMBATES EN GAZA

O exército israelí ataca colexios onde se refuxiaban civís palestinos

O conflito sáldase con 600 persoas mortas e máis de 2.500 feridas dende que comezaron os ataques de Israel contra a Faixa.

Redacción - 17:15 06/01/2009

Cando menos 40 persoas morreron e ducias resultaron feridas polos disparos de carros de combate israelís nas proximidades dunha escola na Faixa de Gaza, segundo indicaron fontes sanitarias palestinas e testemuñas presenciais. Un voceiro israelí dixo que xa están a investigar esta información.

Dous proxectís dun carro de combate estouraron onda o colexio e a metralla afectoulle á xente que se atopaba arredor e dentro do edificio, onde se refuxiaran centos de palestinos por mor da intensidade dos combates entre o exército israelí e os milicianos de Hamás.

Este mesmo domingo, un mísil israelí deixou tres mortos noutras instalacións educativas, concretamente na escola primaria Asma, adscrita á ONU e na que se refuxiaran máis de 400 persoas.

(11:15)
A cifra de mortes causadas polo exército israelí en Gaza segue a aumentar. No cuarto día da ofensiva terrestre, fontes do goberno da Faixa calculan en 120 o número de falecementos, que inclúen máis de 35 crianzas e 18 mulleres. O número de feridos supera os 2.500.

Os bombardeamentos provocaron durante a noite a morte de cinco palestinos na cidade de Deir al Balah, no centro da Faixa, informaron fontes médicas. O incidente estivo provocado polos disparos dun tanque israelí. Outro vehículo do mesmo tipo matou por erro tres militares hebreos, incidente que recoñeceu o exército de Israel. Deste xeito, as baixas entre as forzas invasoras ascenden a catro dende o sábado.

Tamén en Deir al Balah morreron dez palestinos máis por bombas lanzadas por barcos israelís. Segundo as testemuñas, os buques dispararon proxectís contra unha praia desa zona.

Segundo o xornal israelí Yedioth Aharonoth, o exército podería ter rematado coa vida do xefe das unidades de lanzamento de foguetes de Hamás, Ayman Siam, nun ataque aéreo sobre Xabaliya, ao norte de Gaza.

Por outra banda, o xornal hebreo Haaretz informou de que os milicianos de Hamás se están a ocultar en zonas poboadas, o que "provocaría" que boa parte das mortes se producisen entre civís. Deste xeito, o exército israelí segue a combater en lugares habitados e provocan casos como os producidos o luns, coa morte de dúas familias palestinas. Mentres, Hamás prefire o uso de francotiradores e emboscadas.

O brazo armado de Hamás, as Brigadas Ezzedim al Qassam, informou da morte de dez soldados israelís e de feridas para outros trinta durante a noite, segundo a web Palestinian Information Center.

Pola súa banda, o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, descartou publicamente a proposta europea de impoñer un cesamento do fogo de 48 horas. Porén, aceptou a iniciativa estadounidense, que se limita a instar a Israel a que lles proporcione axuda humanitaria aos residentes na Faixa.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: