A Asemblea Nacional (AN) venezuelana emitirá hoxe luns un comunicado rexeitando ás accións militares do Estado de Israel en Gaza segundo comunicou onte domingo o presidente da Comisión Permanente de Política Exterior da Asemblea Nacional, deputado Roy Daza. A Arxentina e o Brasil rexeitaron, asemade, o ataque inxustificado e desproporcionado do Estado israelí a Gaza. Mentres os Gobernos e Parlamentos europeus calan e tacitamente dan carta branca á agresión.
Un acordo de rexeitamento e condena, emitirá hoxe luns a Asemblea Nacional (AN), polas accións militares de Israel contra o pobo palestiniano e os habitantes da Franxa de Gaza, que deixaron un saldo de máis de 500 mortos e dous mil feridos.
O presidente da Comisión Permanente de Política Exterior da Asemblea Nacional, deputado Roy Daza, sinalou que posibelmente o acordo sexa aprobado hoxe luns, cando se inicien as sesións ordinarias ao abeiro da elección da nova xunta directiva ou o martes durante a reunión da plenaria; reseñou a Agencia Bolivariana de Noticias.
"Condenamos toda acción militar e bélica contra o pobo de Palestina, e aspiramos a que a comunidade internacional poida actuar para deter este masacre".
Observou Daza que esta nova invasión terrestre do exército israelí, despois dunha semana de intensos bombardeos e lanzamento de mísiles a unha poboación encerrada e sen posibilidades de adquirir alimentos, "é produto dunha política irracional de parte do goberno de Israel".
"É un feito que violenta todas as normas do dereito internacional e as convencións internacionais sobre dereitos humanos, é un crime de lesa humanidade, o que está acontecendo en Gaza".
Avogamos porque se habilite unha vía, que ben podería ser por Exito, para achegar alimentos, menciñas e enerxía, a esa xente que en Gaza está sufrindo un holocausto, afirmou.
Latinoamérica pronunciouse contra ataque a Gaza
Os Gobernos do Brasil e da Arxentina deploraron este domingo o ataque terrestre de Israel na franxa de Gaza, que empeora o conflito iniciado fai nove días, mentres que o Perú criticou a falta de acordo no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) para solicitar un cesamento inmediato da agresión israelí.
O Goberno arxentino condenou esa incursión como "uso desproporcionado da forza" por parte de Israel, segundo un comunicado do Minsietrio de Relacións Exteriores arxentino.
"A Arxentina insta a Israel a que se retire da Franxa de Gaza, respecte plenamente as súas obrigas de conformidade co dereito internacional" e tome medidas para protexer á poboación civil palestina, a que máis está sufrindo neste conflito", di o comunicado.
Despois de varios días de intensos bombardeos aéreos, o Exército israelí invadiu este sábado Gaza no que é a segunda fase da operación "Chumbo Fundido", que xerou até o momento medio milleiro de mortos e máis de dous mil 500 feridos.
Fronte ao "dramático agravamento da situación", o Goberno de Cristina Fernández, tamén insistiu no seu rexeitamento "ao lanzamento de mísiles por parte de grupos palestinos contra territorio israelí".
Mentres, o Brasil sostén que a incursión terrestre por parte do Exército de Israel ao territorio palestiniano, "tende a agravar aínda máis" o conflito nesa zona, subscrebe un comunicado que se publica este domingo no portal web do ministerio de Relacións Exteriores brasileiro, onde tamén "reitera declaracións anteriores nas que clama a ambas partes para que se absteñan de actos de violencia".
Ademais, insiste en que programar unha xuntanza internacional verbo o conflito entre israelís e palestinianos, tal como propón o presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, "constituiría un chanzo importante para o restabelecemento da paz".
Pola súa banda, o Goberno peruano admitiu a súa preocupación pola falta dunha declaración do Consello de Seguridade da ONU verbo a situación na Franxa de Gaza, ao tempo que resaltou a necesidade de exixir imediatamente o cesamento dos ataques do Estado de Israel a Gaza.
O Consello de Seguridade das Nacións Unidas culminou a noite deste sábado a xuntanza que sostiña para analisar a situación en Gaza sen lograr un acordo conxunto por parte dos seus 15 membros ao respecto fronte á oposición de Estados Unidos (EUA), principal aliado de Israel.
José Antonio Belaúnde, ministro de Relacións Exteriores peruano, dixo a Radio Nacional del Perú, que o Goberno xa demandou "un pronto cesamento das hostilidades, antes que máis vidas inocentes (...) poidan ser perdidas por este ataque". Porén, emitirá nas próximas horas un novo pronunciamento contra a invasión israelí.
De forma contraria a estas posicións, o arcebispo de San Salvador, Fernando Sáenz Lacalle, cualificou esta invasión como unha acción de "defensa", e fixo votos polo cesamento dun conflito que, ao seu xuízo, está poñendo nun momento "crítico" ao mundo.
Israel "ten dereito a salvagardarse dos ataques que está recibindo desde Gaza" e son as autoridades palestinianas as que "deberían controlar estes ataques para que existan as condicións de paz", dixo o prelado en referencia aos mísiles lanzádos nos últimos días por Hamas.
Palestinianos do mundo manifestan o seu rexeitamento
Mentres, centenares de palestinianos residentes en Chile realizaron este domingo unha protesta pacífica contra a ofensiva israelí fronte ao Palacio de la Moneda en Santiago, liderados polo presidente da Federación de Entidades Palestinas en Chile, Mauricio Abu-Ghosh,solicitando ao Goberno de Michelle Bachelet que revise as relacións con Israel.
En Colombia, a comunidade palestiniana anunciou que pedirá ao Congreso deste país un pronunciamento sobre o tema.
Pola súa banda, desde EUA., o vicepresidente Dick Cheney revelou que Israel non solicitou a "autorización ou aprobación" do Goberno estadounidense antes de emprender a invasión terrestre a Gaza.
"Acho que probabelmente decidiron que para perseguir a esa organización terrorista (Hamas) non era abondo unha campaña aérea e tiñan que lanzar unha operación sobre o terreo se querían eliminar os sitios desde os que se lanzaron os mísiles contra Israel", comentou Cheney á cadea televisiva CBS.
Esta segunda-feira as miradas estarán postas no presidente francés, Nicolás Sarkozy, que afrontará en Xerusalém un difícil reto: arrincarlle a Israel a declaración dunha tregua en Gaza.