Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIOLENCIA EN GAZA

O exército israelí mata un líder de Hamás nun ataque aéreo

Tensión na Faixa mentres se agarda unha incursión terrestre das forzas do estado hebreo. Bush culpa a organización islámica do conflito.

Redacción / EP - 10:25 03/01/2009

O ataque do exército israelí a Gaza saldouse a noite do venres ao sábado con máis vítimas. Un dos líderes de Hamás, Abu Zakaria al Xamal, morreu nun deses ataques aéreos, segundo informou o Movemento para a Resistencia Islámica. Al Jamal morreu de madrugada a consecuencia das feridas provocadas polo bombardeo.

Pola súa banda, o exército de Israel negou a incursión en Gaza pero seguía á espera de que o goberno lle dese a orde de comezar a operación terrestre. Hamás advertiu de que secuestraría máis soldados se realizaban "algún acto insensato como invadir Gaza".

Nun discurso televisado, o líder espiritual de Hamás, o exiliado Kaled Mexaal, manifestou que están preparados para o reto: "Esta batalla foinos imposta e confiamos en que lograremos a vitoria xa que fixemos todos os preparativos". A ofensiva israelí, que cumpre este sábado o seu oitavo día consecutivo, deixou un balance de 428 palestinos mortos e máis de 2.200 feridos. Ademais, catro israelís morreron e ducias feridos en lanzamentos de foguetes sobre territorio israelí por parte de palestinos.

Día da Ira
Decenas de miles de persoas saíron ás rúas dos principais países musulmáns en resposta ao 'Día da Ira' convocado por Hamás contra a campaña israelí sobre a Faixa de Gaza. Sucedéronse manifestacións na India, Afganistán, Xordania, Indonesia, Turquía, Exipto, Líbano, Iemen, Irán e tamén en Londres, ademais das cinco principais cidades de Cisxordania.

A convocatoria tivo lugar despois da morte do enlace entre a á política e a militar do grupo islamista, Nizar Rayyan, a súa muller e 11 dos seus 12 fillos o xoves a consecuencia dun bombardeamento israelí.

Bush culpa a Hamás
Mentres, o presidente en funcións dos Estados Unidos, George Bush, responsabilizou a Hamás da vaga de violencia na Faixa de Gaza e pediu que se estabelezan mecanismos de control na zona para acabar co contrabando de armas entre grupos terroristas, ao considerar que unha tregua unilateral é "inaceptábel" e que non lle poñerá fin á violencia.

"Outra tregua unilateral que leve a novos ataques contra Israel non é aceptábel. E as promesas de Hamás xa non serán abondas. Teñen que haber mecanismos de control sobre o terreo que axuden a poñer fin ao contrabando de armas entre os grupos terroristas en Gaza", asegurou na súa mensaxe radiada da fin de semana.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: