Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
RESUMO TECNOLÓXICO

O ano do iPhone, dos ultraportátiles e das redes sociais

Durante os últimos 12 meses avanzouse máis aínda na introdución das novas tecnoloxías no fogar e creáronse novos trebellos.

Redacción - 09:30 02/01/2009
Os ultraportátiles ou netbooks causaron furor en 2008

Os ultraportátiles ou netbooks causaron furor en 2008

Co remate do ano 2008 é o momento de facer balance de todo o que aconteceu nos últimos 12 meses. Así, Cnet fai unha recompilación das novas tecnolóxicas do ano. A web especializada en información relacionada coas tecnoloxías da información salienta temas como o éxito do iPhone, o uso da rede na campaña presidencial estadounidense, o intento de compra de Yahoo por parte de Microsoft ou o futuro das redes sociais.

Un dos monográficos-resumo está dedicado a Apple, unha empresa que viviu un ano excepcional economicamente, grazas tanto ao éxito do iPhone como ao aumento da cota de mercado dos seus computadores Mac, que se suman ao xa asentado iPod.

Os cambios que se están a producir nas campañas electorais tamén son motivo de análise, como demostrou o uso que os políticos xa fixeron de cara as eleccións presidenciais dos EUA. Fálase, ademais, da fortaleza do sector dos videoxogos fronte á crise económica, grazas á popularidade dalgúns dos seus títulos e á baixada de prezo das consolas.

Outro dos asuntos que se analizan é o futuro de redes sociais como MySpace, Digg ou Facebook, que amosaron o seu poder no proceso electoral estadounidense pero que non atopan recursos para conseguir financiamento. O ano 2008 estivo marcado, ademais, pola tentativa de compra de Yahoo por parte de Microsoft, empresa que aínda non renunciou completamente a acadar algún acordo co que fora líder dos buscadores antes do imperio Google.

Novos trebellos
A parte tecnolóxica protagonizárona fenómenos como a plataforma libre de telefonía móbil Android, proposta por Google, e que está chamada a madurar en 2009, ou o nacemento das tecnoloxías verdes fronte ao cambio climático. O éxito dos Netbooks, pequenos computadores portátiles de baixo custo e prestacións axustadas foi outro dos aspectos salientábeis do ano que remata.

Foron 12 meses onde houbo tempo para fracasos, como o de Windows Vista, que obrigou Microsoft a adiantar o seu seguinte sistema operativo, Windows 7, do que xa sae a súa primeira beta. Asinouse, así mesmo, a acta de defunción do HD-DVD, chamado a ser sucesor do DVD, fronte ao BluRay, que, por outra banda, tampouco está a acadar o éxito esperado.

Houbo tamén momento para sustos, como varios fallos graves nos protocolos que rexen a internet e que puideron ser empregados para cometer ciberdelitos, que de seguro continuarán en 2009. Sentáronse, ademais, as bases para a persecución do intercambio de arquivos nalgúns países, ou mesmo no Estado Español, cunha campaña do Ministerio de Cultura que provocou as protestas dos internautas.

Por outra banda, xusto antes da crise económica, produciuse un importante nacemento de novos proxectos na web e de tecnoloxía en liña, mentres Google segue a estender as súas extremidades a outros campos, como o lanzamento dun navegador de seu: Chrome.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: