Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE DIFERENTES COLECTIVOS

Os ministros europeos dan o visto bo á sobreexplotación dos recursos pesqueiros

O Consello de Pesca da UE chegou a un acordo para estabelecer as cotas de pesca para o 2009, uns topes que están a ser criticados por non respectar criterios científicos.

Redacción - 12:00 23/12/2008

O reparto de cotas de capturas para o vindeiro ano xa está decidido. Os ministros europeos de Pesca chegaron a un acordo sobre os topes (Totais Admisíbeis de Capturas), nos que aseguran defender o equilibrio entre o obxectivo de evitar o colapso das reservas e o de asegurar o sustento dos mariñeiros.

Entre as decisións tomadas destaca o recorte das cotas do bacallau nun 25%, ao tempo que aumentará outro 30% no Mar do Norte, despois dun acordo con Noruega (que non é membro da Unión Europea). Mentres, Escocia conseguiu evitar o peche da súa industria do peixe branco na costa occidental, ao acordar normas estritas sobre a pesca nalgunhas especies. Nas súas augas, as capturas de bacallau, pescada e carioca caeron de forma importante durante os últimos 10 anos por mor da sobrepesca, polo que se acordou tomar medidas para que se recuperen as reservas (recortes que variarán entre o 25% e o 42%). Mentres, os mariñeiros poderán seguir capturando especies como gambas ou peixe sapo.

Ademais, acordáronse normas máis duras sobre os aparellos utilizados polos barcos de arrastre, estabeleceranse plans de observación ou arbitraranse medidas para reducir progresivamente as capturas de dúas especies de tiburóns especialmente ameazadas.

Os recursos esgótanse
A organización internacional Oceana denuncia que as decisións dos ministros provocou que o 88% dos caladoiros europeos estean sobreexplotados. Neste caso, aseguran que o consello científico foi ignorado novamente e acusan aos responsábeis de pesca de esquecer que a xestión baseada en criterios técnicos non é unha opción negociábel (senón unha obriga estabelecida na Política Pesqueira Comunitaria). É máis, aseguran que "os intereses económicos a curto prazo volveron vencer en detrimento duns stocks que xa están chamados a esgotarse". En concreto, este colectivo que traballa para protexer e recuperar os océanos de todo o mundo, elaborou un informe sobre as consecuencias que esta decisión terá sobre todas e cada unha das especies (pódese consultar na súa web).

No mesmo sentido se manifestan colectivos ecoloxistas como Greenpeace. Aseguran que dende comezos dos anos 80, a mala xestión do Consello de Pesca provocou un alarmante declive das poboacións de peixe nas augas europeas. Nesta liña, adiantan que "a menos que se introduzan cambios, a pesca de Europa enfrontarase definitivamente a un colapso económico e ambiental.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Oceana denuncia que as decisións dos ministros provocou que o 88% dos caladoiros europeos estean sobreexplotados
Oceana denuncia que as decisións dos ministros provocou que o 88% dos caladoiros europeos estean sobreexplotados
Diferentes colectivos alertan de que a pesca se enfrontará nun futuro ao colapso tanto económico como ambiental
Diferentes colectivos alertan de que a pesca se enfrontará nun futuro ao colapso tanto económico como ambiental