Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
LOGO DO BAILE DE NOMES

Irán e Baleares serán as rivais das seleccións irmandiñas

Deporte e a Federación Galega lograron este acordo de última hora logo de que Angola caese por falta de tempo para obter visados para os xogadores.

Redacción - 13:00 20/12/2008

Logo de tres días de negociacións frenéticas e de cambios, xa hai rivais firmes, e esta vez definitivos, para os combinados nacionais galegos de fútbol. A selección masculina enfrontarase a Irán e a feminina a un combinado balear.

Fontes consultadas por Vieiros recoñecen que había que pechar un acordo de xeito urxente por cuestións de calendario. Aínda que, como tiña asegurado o venres este xornal, había un acordo verbal pechado con Angola para substituír a Chile, finalmente a falta de tempo para conseguir os visados dos xogadores tumbaron a opción africana.

A pesar de toda a incertidume das últimas horas, os dous partidos quedan garantidos nos mesmos escenarios e nas mesmas horas e datas que estaban previstos. Os irmandiños pelexarán pola vitoria o sábado 27 en Riazor (20.45 horas) e as irmandiñas ao día seguinte en Pasarón (17 horas).

Irán, un dos mellores combinados asiáticos

A selección iraní era o rival co que tiña que enfrontarse o vindeiro martes Euskadi en San Mamés. Porén, o encontro tivo que suspenderse debido a que os xogadores vascos exixían que a selección se denominase Euskal Herria. O desencontro acabou afectándolle tamén ao encontro feminino Galiza-Euskadi.

Irán é unha das mellores seleccións do continente asiático. En 2005, a FIFA cualificouna como o 15º mellor combinado do mundo. A súa etapa dourada coincide coa década dos sesenta e setenta, cando logrou tres copas de Asia (1968, 1972 e 1976). Ademais participou en tres mundiais (1978, 1998 e 2006).

Os seus catro xogadores máis destacados xogan en ligas europeas: Nekounam e Shojaei (Osasuna); Mehdi Mahdavikia (no Eintracht de Frankfurt) e Andranik Teymourian (na liga inglesa co Fulham). Pero se hai un xogador que xa é un mito en Irán é Ali Karimi, actualmente no Perspolis de Teherán, xogou co Bayern de Munich en en 2004 conseguiu o título de mellor xogador Asia. De aí que sexa coñecido como "o Maradona iraní".

As entradas

Dende a Dirección Xeral de Deporte fan público un comunicado polo medio do cal sinalan que as entradas despachadas até o de agora son válidas. Porén, sinalan que se habilitará un sistema de devolución de pases na páxina ofutbolgalegoune. Por outra banda, lembran que a venda de entradas continúa até o luns na páxina de Caixanova. A partir deste sábado xa se poden mercar tamén directamente en Riazor e nas oficinas do Pontevedra (R/ Benito Corbal, 16 – 1º).


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: