Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Quintana fala do futuro do BNG

“O partido galeguista do S.XXI, ben como fronte ben como partido”

O portavoz nacional do Bloque asiste á presentación do libro 'Vontade de nación. Conversas con Anxo Quintana', de Xosé Luís Barreiro Rivas.

Redacción - 16:45 13/12/2008
Quintana, este sábado

Quintana, este sábado

O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou este sábado que "o futuro inmediato" da formación debe ser erixirse "no partido nacionalista do século XXI" e matizou que, esta conversión, tense que consolidar "sen entrar na discusión de se é fronte ou partido".

Na presentación do libro Vontade de nación. Conversas con Anxo Quintana, que constitúe un diálogo entre Anxo Quintana e o politólogo Xosé Luís Barreiro Rivas, o tamén vicepresidente da Xunta matizou as súas palabras dicindo que o Bloque "ten que ser a expresión política do nacionalismo, ser o partido galeguista do século XXI".

En clave de actualidade, Quintana referiuse á lingua e ironizou con que "algún iluminado" di que o castelán "está perseguido", tras o que advertiu de que hai "unha minoría" que quere "impedir o paso ao galego" desa maioría da sociedade que "ten un sentimento positivo" cara a lingua do país.

Neste contexto, avogou por "avanzar" cunha "revisión da estratexia de normalización lingüística" e proclamou que o obxectivo político debe ser a "defensa do dereito a utilizar o galego con normalidade".

Homenaxe aos nacionalistas dos 70 e 80

No libro de conversas con Barreiro, idea que xurdiu en 2002, mais que se retomou hai un ano, Anxo Quintana trata de explicar e honrar os nacionalistas que nos anos 70 e 80, na adolescencia, fixeron unha defensa de Galiza como "nación". "Nin se nos esperaba, nin se nos quería, e se non tivésemos nacido, non tería pasado nada", ilustrou o dirixente nacionalista.

Deste modo, evocou o tópico de que os nacionalistas "eran chamados sectarios e 'túzaros' e avisou de que, nin o un, nin o outro, e considerou que "se non se iniciase así", con ese "esforzo", os nacionalistas "hoxe non estarían aquí".

Ao inicio da obra, Anxo Quintana que se definiu como unha persoa "tímida" no persoal, desvela o seu proceso educativo nun colexio "de pago, como se dicía antes" e, segundo asegurou, revela asuntos que "amigos da alma non coñecían".

"Respostas interesantes"
No entanto, tal e como tamén corroborou o autor da obra, este contexto inicial forma parte dunha contextualización da figura de Quintana para explicar a súa historia política, dende alcalde de Allariz e senador, até vicepresidente da Xunta, perspectiva coa que introduce a súa visión da actual crise económica como un fracaso "estrutural".

Barreiro Rivas, que tamén foi vicepresidente da Xunta, admitiu a súa "simpatía" por Anxo Quintana, malia as "diferenzas" de opinión, e prometeu unha resposta "interesante" nunha das cuestións da obra, cando o dirixente nacionalista responde sobre se o BNG quere ou non a independencia de Galiza.


4,16/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: