Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN Artigo de Moncho Iglesias

Primeira Intifada hebrea

"Hebrón é sinónimo de conflito, reflexo dunha realidade bélica ancorada en vestixios históricos".

Moncho Iglesias Míguez - 19:30 06/12/2008
Imaxe: Moncho Lemos

Imaxe: Moncho Lemos

A Intifada hebrea tradúcese como unha revolución de pedras realizada nunha lingua distinta a aquela na que escribiron os palestinos, hai anos, na procura da liberación do seu estado. O idioma non é a única diferenza entre ambas revoltas, tamén as causas e os efectos mudaron. Con todo, si hai algo en común entre estes levantamentos: o enfrontamento contra o estado de Israel.

Hebrón é sinónimo de conflito, reflexo dunha realidade bélica ancorada en vestixios históricos. Tanto para a tradición xudía como para a musulmá, Hebrón foi a cidade á que descenderon Eva e Adán tras ser expulsados do Edén. Alí xacen, xunto ao patriarca Abraham e parte da súa descendencia, e xuntos son venerados polas tres grandes relixións monoteístas: cristianismo, islamismo e xudaísmo.

A devoción das diferentes crenzas relixiosas provocou que Hebrón fose un centro de disputas dende antes da formación do estado de Israel; é dicir, pouco antes de que á contenda relixiosa se lle engadise a política. Neste sentido, cabe puntualizar que, se ben é certo que as tensións deron comezo durante o mandato británico, nunha época na que os nacionalismos árabe e xudeu competían polo poder, non é até 1967 que ambas comunidades declaran unha guerra en continua escalada violenta.

En 1929, varios árabes asolagaron a comunidade xudía de Hebrón, asasinando a 67 dos seus membros. Daquela, as autoridades británicas prohibían aos xudeus entrar na zona, que en 1948 pasou a formar parte de Xordania. Pero a guerra do 67, na que as tropas israelís ocuparon Cisxordania novamente, devolveu a posibilidade de que os grupos relixiosos máis nacionalistas se asentasen na cidade santa. As tensións foron habituais dende entón, contándose, como a peor, o masacre de 1994, cando un colono entrou na mesquita de Ibrahim, matando a 29 musulmáns e ferindo a máis de cen.

A día de hoxe, medio millar de xudeus viven rodeados de 170 mil hebronitas, á vez parapetados por varios centos de soldados israelís. Os colonos xudeus defenden o seu dereito a vivir na terra que Deus lles prometeu, considerándose herdeiros da misión emprendida polos seus devanceiros. Os palestinos defenden a súa liberdade, ocupando as casas que dende hai décadas levan habitando. Os soldados israelís cumpren ordes. Dentro destes tres grupos hai divisións e máis alá deles, estas aumentan.

Entre os colonos, algúns afirman que os disturbios dos últimos días veñen provocados por parte do goberno de Israel -ao que algúns tachan de nazi- que, unidos aos xornalistas, tratan de amosar ao mundo a versión máis violenta dos habitantes dos asentamentos, e así distribuír imaxes nas que os soldados loitan por desfacerse dos asentamentos de Cisxordania. Outros colonos defenden a loita pacífica para conquistar o lugar que lles foi encomendado de xeito divino, e outros protexen o territorio coa maior violencia posible. Dentro da comunidade palestina, simpatizantes de Hamas acusaron a Fatah de ser incapaz de protexer aos palestinos que viven ameazados en Hebrón. Por último, algúns soldados, como os rexistrados no grupo "Rompendo o Silencio" acusan aos colonos das súas actuacións bárbaras, ás veces coa permisividade e axuda de militares; fronte a estes, outros soldados argumentan que cumpren servizo, protexendo a cidadáns israelís.

Nas últimas semanas, Hebrón volveu ser o centro de atención, no conflito árabe-israelí, despois de que a ocupación dunha casa, por parte dun grupo de colonos, rematase en golpes, detencións, feridas e o peche militar da zona. Tras varias xornadas anárquicas, nas que varias vivendas e tendas palestinas foron destruídas, así como parte dun cemiterio musulmán, evidénciase un conflito interno que Israel sempre trata de ocultar. Un problema con 60 anos de existencia, no que o estado xudeu logrou reunir xentes de culturas e ideoloxías dispares baixo unha mesma bandeira, cosida con remendos de comunidades alleas, e ondeando contra un inimigo común: o palestino. Con todo, as desavinzas entre as pezas que non encaixan dentro do quebracabezas xudeu, comezan a desafiar a estabilidade dun mito, a reunificación do pobo xudeu, espallado polo mundo durante séculos, nun só lugar e baixo un mesmo credo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: