A proposta foi feita a instancias de ADEGA e máis os veciños da parroquia de Amiudal co obxectivo de protexer tanto o val do río Couso como unha histórica levada que está construida alomenos dende hai 100 anos A levada é unha canalización de rego tradicional que atravesa o val do río Couso e sen embargo non figura como ben patrimonial ameazado por esta minicentral.
A continuación expoñemos parte do texto da moción presentada e aprobada:
"O Concello de Avión e o seu contorno conta con espazos públicos de altísima calidade ambiental. Si aceptamos que estas figuras de protección favorecen a sustentabilidade destes espazos e, polo tanto, tamén da súa capacidade de creación de riqueza no sector turístico e paisaxístico, debemos tamén asumir a responsabilidade do Goberno Municipal á hora de velar polo interese xeral da poboación promovendo, desde a legalidade vixente, as medidas de protección a espazos locais de recoñecido valor no caso de que desde outras administracións competentes non atendan.
A Lei 9/2001 contempla como figura de protección a de "Espazo Natural de Interese Local". O decreto 124/2005 de 6 de maio, desenvolve esta figura que debe partir da iniciativa dos propios concellos que deberán elevar a proposta, cos informes e trámites precisos, á Consellería de Medio Ambiente. A declaración de Espazo Natural de Interese Local conlevará a elaboración dun Plan de Conservación e Promoción así como unha partida orzamentaria que poderá ser complementada con axudas doutras administracións para as que terán caracter preferente.
Dende ADEGA queremos felicitar a todos os membros da corporación municipal de Avión polo acordo tomado de protección do río Couso.