A información faise imprescindíbel para a toma de decisións e artellar unha implicación social na defensa da Terra e do noso territorio. Un artigo de Adela Figueroa, Presidenta de ADEGA
Desde a miña optica de ecoloxista non podo ver senon con preocupación os fortes intentos que están a facer os partidarios da enerxía nuclear para implementar por todos os paises industrializados e partiocularmente en vias de desenvolvimento, a obteción de enerxía a partir dos procesos nucleares.
Obter electricidade a partir da enerxía nuclear arrastra muitos máis problemas que solucións poda aportar. En primeiro lugar está a cuestión da seguranza. Na actualidade cos chamados reactores de IV xeración de tecnoloxía francesa, aseguran que o risco de accidentes é mínimo. Iso basta?. Non hai proceso seguro. Nunca. Mas o dano que poda facer un accidente nuclear, por pouco probável que sexa, ten implicacións que atinxen á cerna da vida, porque afectan a estrutura do material xenético, por canceríxenos e mutaxúnicos. Isto quere dicir que os descendentes da xente afectada, tamén poden ser afectados.
En segundo lugar está o problema dos residuos. Os reactores de IV xeración promociónanse porque reducen muito a xeración de residuos. Tamén porque a nova tecnoloxía de transmutación pode incrementar a porcentaxe de elementos de periodo de semidesintegración mais curto no total destes. Mais de calqueira maneira continuan a producir residuos, e estes teñem que ser armacenados en lugar seguro por centos ou miles de anos. Quen pode garantir o que vai acontecer dentro deses lapsus tan longos de tempo?. Que pasa cando eses foxos estean cheos? Teremos que procurar outros. Cando se pararía?
As reservas de uranio son finitas e limitadas. Se todas as centrais que hoxe existen de combustíbeis fóseis, foran substituidas por centrais nucleares, estímase que habería reservas para apenas uns 2 ou 3 anos (co coñecemento actual das reservas). O Sr. M. Ibáñez, representante do Foro Nuclear, nunha mesa redonda na Coruña recoñeceu publicamente que as aspiracións eran substituir apenas o 17% da enerxía que se produce na actualidade nas térmicas por nucleares. Coido que o risco que este proceso implica non compensa, de ninguma maneira, unha aportación de apenas o 17% da nosa enerxía.
A enrexía nuclear é moi cara, pois precisa duma tecnoloxía altamente sofisticada, só en posesión de paises desenvolvidos, polo que polariza o mundo ainda máis do que está hoxe. Implica exportar este tipo de produto a paises dependentes que se consolidan como tales, inibindo o seu desenvolvimento endóxeno, premisa fundamental do Desenvolvemento Sustentábel. Todas as centrais nucleares están fortemente subencionadas nos diferentes paises en que existen. Voltamos a practicar aquelo de "socializar as perdas e privatizar as gañancias" que nos levou á crise actual en que estamos submersos.
Os procesos nucleares son contaminantes desde o seu inicio, xa na extracción, que se fai a ceo aberto e que implica a remoción de grandes cantidades de materiais, porque o uranio que se precisa é mui escaso mesmo na mina. Despois da extracción do mineral, ainda ten que se enriquecer, pois o combustíbel é apenas o isótopo U235 que é mui escaso no conxunto de todo o uranio que se extrae. Para formar uma barra de combustíbel son precisas múltiplas manipulacións que implican tecnoloxía (véxase dependencia) gasto enerxético e posibilidades de contaminación.
Galiza foi declarada territorio desnuclearizado dende o 2006. Mas a loita para non cair nesta trampa enerxética, é vella no noso país. Lembremos as marchas de Xove no 77, 78, ou a dura loita para evitar que se vertesen residuos radiactivos diante das costas galegas no ano 82, e a comitiva galega a Londres (1983) para influir na decisión da Comisión Nuclear de feito que os vertidos mariños cesaron. En ambos casos, ADEGA estivo fortemente implicada.
En Galiza xa temos sacrificado bastante para a obtención de enerxía que se aproveita, na sua maioría, fóra do noso país. Vales, ríos, montes, están sendo utilizados para a produción de enerxía. Unha grande parte do noso patrimonio natural está sendo empregado para fornecer de enerxía ao resto de España. Tamén foi sacrificado o noso mellor capital humano, polas emigracións masivas que produciron os grandes encoros. Xa temos dado dabondo!
A enerxía nuclear constitue un perigo que debemos rexeitar, non só no noso territorio, mas tamén como opción enerxética a nível mundial, polo que implica de contaminación transfronteiriza e de perigo xeralizado. Por tudo iso que sabemos a xente do común, non se entende porque hai este empeño en relanzar a enerxía nuclear, vestíndoa de mellores e enganosas roupas.
Só unha explicación: venda de tecnoloxía, asegurar a dependencia enerxética e económica duns paises con respecto a outros que a controlan, en definitiva: CARTOS. Riqueza, non para criar traballo, ou para levar comida onde fai falla, ou para producir benestar á povoación. Si para o enrequecemento duns poucos que controlan a producción, a tecnoloxía e as patentes. É que non aprenderemos? É que vamos asistir impasiveis como estes insensatos continuan a vender o mundo.
Nunha Terra que se mostra mais e mais finita e limitada; que está sobardada na sua capacidade de rexenerar todo o refugallo que se deita nela; que sofre uma pegada ecolóxica da humanidade insusentábel, un grupo de xente prefire continuar a xogar coa seguranza e o porvir de toda vida por se lucrar.
Coido que temos que paralos, porque son xentes perigosas. A información faise imprescindíbel para a toma de decisións e para artellar a implicación social na defensa da Terra e do noso territorio.