Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
E-HOSPITAL

Premian en Austria un proxecto de tele-ensino con participación galega

O Cesga e a USC levaron a cabo experiencias con adultos ingresados no Complexo Hospitalario da Coruña.

Redacción - 13:10 14/11/2008

O proxecto europeo eHospital, no que participaron o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago de Compostela, levou o premio máis prestixioso á educación de adultos dos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria. O programa foi valorado como a iniciativa con máis potencial innovador para a educación de adultos.

Ao galardón presentáronse 66 propostas diferentes, que foron avaliadas por un xurado de expertos e sometidas a votación pública. O premio foi concedido pola ministra austríaca de Educación, Claudia Schmied nunha cerimonia á que asistiu o coordinador do proxecto, Holger Bienzle, a pasada semana.

O CESGA e a Universidade de Santiago foron os únicos representantes do estado español no proxecto. Ademais, colaborou o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde se levaron a cabo as experiencias. O obxecto do programa é ofrecer formación continua mediante e-learning a doentes adultos hospitalizados durante períodos longos de tempo. Participaron no traballo oito institucións de seis países europeos, coa coordinación da institución austríaca Die Berater.

Conclusións

Os resultados do proxecto eHospital presentáronse o 19 de setembro na Conferencia Final eHospital, na cidade austríaca de Krems, na que se debateron as potencialidades deste tipo de formación en hospitais. Ademais, as conclusións do traballo deron lugar a dúas publicacións: a edición resumida E-learning para doentes adultos hospitalizados. Experiencias-Retos-Recomendacións, e mais E-Hospital: Experiencias con actividades de e-learning para pacientes.

Ambas as dúas versións pódense consultar e descargar na páxina web do proxecto www.ehospital-project.net.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: