Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Boa xornada dos equipos galegos

O Deportivo zúmballe ao Betis na casa e o Celta sae en grande da poza

Na 2ªB, Pontevedra e Cidade de Santiago son os máis en forma. Deportivo B, Rácing e Lugo esquivan os postos de abaixo con cadansúa vitoria. O Celta B cae na casa.

Redacción - 09:00 03/11/2008

Sorpresa do Deportivo da Coruña esta fin de semana na que viaxou a Sevilla para enfrontarse co Betis. Malia que evolución nos últimos partidos indicaba unha baixa forma dos coruñeses e unha tendencia crecente para os béticos, o conxunto herculino foi quen de apañar a vitoria furando até tres veces a porta do Betis. Resarciron así os do Deportivo da derrota que con resultado similar (0-3) lles adicara o Sporting hai unha semana.

Importante vitoria do Celta
Tamén ao grande resucitou o Celta de Vigo, que foi capaz de coller osíxeno e inxectarlle optimismo aos seus seareiros en Balaídos cunha firme vitoria fronte ao líder da 2ª División, o Salamanca. O equipo celeste realizou unha grande primeira parte, onde dominou aos salmantinos cunha rápida circulación de balón. Jonathan Vila dirixiu con sobriedade ao equipo dende o centro do campo, mentres que Dani Abalo penetraba con asiduidade a defensa rival polo lado dereito do ataque celeste. Tamén funcionou a conexión entre os dianteiros Ghilas e Dinei, da que saíu o primeiro gol ao introducir Pelegrín o balón na súa propia portería cando trataba de cortar un pase de Dinei. Na segunda parte o Salamanca foi gañando terreo até meterse no campo do Celta, e tivo varias ocasións, sobre todo no xogo aéreo. Os de Pepe Murcia tiveron especiais dificultades nos últimos 10 minutos, despois da expulsión de Roberto Lago, mais conseguiron aguantar e finalmente Roberto Trashorras rachou o partido cun grande disparo dende fora da área. Un 2-0 ao concluír o encontro, con goles de Dinei e Trashorras.

Boa xornada para os galegos da 2ªB
Na 2ª B os equipos galegos fixeron outra boa xornada, coas derrotas de Celta B e Racing de Ferrol como únicos aspectos negativos. O Pontevedra meteuse en postos de promoción á 2ª división, despois de ascender á cuarta posición por mor da vitoria ante o Bilbao Athletic, cun marcador de tres goles a un. Empatado a puntos co Pontevedra está a grande sorpresa da categoría, o Ciudad de Santiago, que sumou un meritorio triunfo na casa do Sestao por dous goles a un. As vitorias de Lugo e Deportivo B permítenlles afastarse dos últimos postos, grazas a idénticas rachas de sete puntos acadados sobre os últimos nove posíbeis.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: