Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ETERNA XUVENTUDE

Científicos chineses descobren unha fórmula contra a vellez

Identificaron o xene P16 como principal responsábel do envellecemento das células humanas, un paso clave para a prolongación da vida.

Redacción - 14:30 02/11/2008

Cada certo tempo asáltanos unha noticia sobre un dos achados máis perseguidos da historia científica: o camiño da eterna xuventude. A través da manipulación das hormonas, de dietas milagreiras ou de refinados elixires, un tras outro chégannos asombrosos métodos para non envellecer. Agora, a novidade vén dende Beixín, dun grupo de investigadores da súa universidade, que asegura ter dado un paso máis no estudo para prolongar a vida humana.

En concreto, descubriron que o xene P16 é o principal responsábel do envellecemento das células humanas. Aínda máis, aseguran que atoparon un método para retardar a dexeneración celular mediante a inhibición deste xene. Os doutores Tong Tangjun e Zhang Zongyu, xefes do equipo técnico responsábel do descubrimento, explican que utilizando tecnoloxías xenéticas conseguiron desenvolver unha medicina eficaz a partir dos ovos dos vermes de seda. Este produto, que xa se comercializa nalgunhas zonas de China co nome de "Tian Kang Ning", incrementa o número de glóbulos brancos no corpo humano, fortalece a inmunidade e actúa inhibindo o xene P16 e retardando consecuentemente o envellecemento.

No seu informe, os científicos apelan á tradición e a antigüidade, xa que os vermes de seda xa se veñen empregando naquelas latitudes dende tempos inmemoriais para fins médicos. Agora aseguran ter aberto un novo camiño, unha vía que paraliza o avance do "reloxo biolóxico celular", e que dá resposta aos ancestrais desexos de atopar a eterna xuventude.


Ligazóns

4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: