Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
DEPORTIVO 0 - 3 SPORTING

O Sporting marcha cos tres puntos de Riazor

O equipo de Lotina foi claramente superado polo equipo asturiano, que deu unha lección de orde e aproveitou as súas ocasións.

P.García - 20:15 26/10/2008

Unha tarde soleada recibiu ao Sporting de Xixón dez anos despois da súa última visita á Coruña. Os milleiros de afeccionados asturianos desprazados até Riazor ocuparon o seu lugar media hora antes do inicio do partido e non pararon de animar até que as abandonaron. O partido comezou cos dous equipos medíndose, e houbo que agardar até o minuto nove para ver unha ocasión de gol, cunha entrada do Sporting por banda dereita, que non conseguiu rematar Barral.

A xogada pareceu animar aos locais, que dende entón subiron as súas liñas e puideron marcar varios goles a través de Guardado, que non aproveitou un balón morto dentro da área sportinguista, resultado dun claro erro na defensa asturiana.

Acto seguido os asturianos deron o seu primeiro golpe, ao provocar David Barral un penalti cometido por Albert Lopo. O propio Barral encargouse de materializalo enganando a Aranzubia. O Deportivo non se repuxo e cinco minutos despois chegou o segundo gol dos visitantes, froito novamente dunha internada pola banda dereita. Barral recibiu un bo pase de Diego Castro e colocou un perigoso balón entre a defensa e o porteiro que remachou Carmelo no segundo pau.

A partires de aí, o Sporting dominou con comodidade o encontro, mentres que os de Miguel Ángel Lotina teimaron en balóns largos entre os centrais asturianos buscando a Riki, que estivo moi só toda a primeira parte. Para mudar esta situación Lotina decidiu introducir a Juán Carlos Valerón substituíndo a Pablo Álvarez no minuto 37.

No 43 chegou outro momento clave, cando o árbitro expulsou ao central deportivista Diego Colotto por cometer unha falta a Barral cando era o último home da defensa coruñesa.

No comezo da segunda parte o Deportivo subiu as súa intensidade e meteuse no campo do Sporting, que aguantou os ataques locais xuntando as súas liñas e saíndo con moito perigo ao contragolpe. O porteiro local, Aranzubia, tivo que salvar dúas accións, nos primeiros 20 minutos da segunda parte, nas que viu como dianteiros asturianos aparecían na súa área totalmente sós e dispostos para marcar. O Deportivo acusou o esforzo de xogar cun home menos e foi baixando o ritmo de xogo paulatinamente, até permitir que Diego Castro rachara o partido de forma definitiva no minuto 38, ao acadar o terceiro e definitivo gol do Sporting. O equipo que dirixe Lotina baixa até a 12º posición, e prepárase para o partido da vindeira semana ante o Betis, en Sevilla.


4.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: