Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LABORAL

Os traballadores de ETT's terán os mesmos dereitos cós seus compañeiros

O Parlamento Europeo aprobou de xeito definitivo esta medida que deberán adaptar ás súas lexislacións os diferentes estados até o 2011.

Redacción - 19:40 23/10/2008

Dende o primeiro día os traballadores contratados por empresas de traballo temporal (ETT) e os seus compañeiros empregados directamente pola compañía terán os mesmos dereitos, é dicir, o mesmo salario, iguais condicións de seguridade e privilexios equivalentes, tales como a formación profesional, o transporte ou as garderías. Ademais, as ETT's non poderán exixir aos traballadores o pago de honorarios a cambio de xestionarlle a súa contratación.

Así o decidiu o Parlamento Europeo, dando remate a unha tramitación que se iniciara en 2002 e que estaba bloqueada polo Reino Unido. Con todo, o pacto permite aos ingleses seguir aplicando o acordo vixente naquel país entre patronal e sindicatos polo que a equiparación total dáse logo de 12 semanas de contrato. O resto dos estados teñen até 2011 para aplicar as novas normas.

Situación no Estado Español
A Asociación de Grandes Empresas de Traballo Temporal (Agett) recordou que o Estado Español xa conta dende 1999 cunha lexislación que contempla a equiparación salarial e de condicións de traballo entre os empregados da compañía e os que achega a ETT. Segundo a organización empresarial, contra o que sucede noutros países europeos, están reforzados os dereitos destes traballadores respecto ao resto en materia de formación e de indemnización por extinción de contrato. En concreto, din ser o único sector obrigado por lei a investir en formación, á que destinan o 1,25% da masa salarial, e recordan que os seus empregados reciben como indemnización por extinción de contrato o correspondente a 12 días por ano traballado, mentres o resto perciben só o correspondente a oito días.

Porén, a Agett manifestou a súa satisfacción pola aprobación da directiva europea, que "limitará tamén as restricións ou prohibicións de actuación" que teñen as ETT's. Segundo esta organización a lexislación no Estado Español é a máis garantista de toda Europa para os traballadores, ao tempo que é a que pon máis trabas ás empresas.


Ligazóns

3.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: