Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CONFÍA EN CHEGAR AXIÑA A UNHA SOLUCIÓN

Gómez Noya: “Non vou renunciar aos meus patrocinadores”

Falamos co triatleta ferrolán que está a manter un pulso coa Federación Española, que quere impedirlle levar publicidade propia no seu traxe.

Pablo García - 10:15 21/10/2008
Gómez Noya coa súa nova roupa de competición

Gómez Noya coa súa nova roupa de competición

Dende o ano 2006 este ferrolán domina con autoridade o triatlón mundial. Despois do cuarto posto acadado nos Xogos Olímpicos de Beixín, asinou un importante contrato publicitario cunha marca de material deportivo. O problema débese a que as normas da FETRI impídenlle utilizar a súa propia roupa, ou elixir as marcas que ocupan os espazos publicitarios. O triatleta vén manifestando nas últimas datas o seu descontento cunha situación na que mesmo a Fundación Deporte Galego se ofreceu a mediar. Vieiros quixo falar con Gómez Noya para saber como está a afrontar este problema, que non é novo para el.

Vieiros: Nós falamos a semana pasada do problema que está a ter coa Federación Española de Triatlón en temas referidos aos patrocinadores. En que punto se atopa actualmente a situación?

O problema vén dado por unha norma interna da Federación Española de Triatlón. A ITU só che indica unha serie de parámetros a nivel de tamaños e distribución dos logotipos. É a FETRI quen elixe os patrocinadores. Até o de agora levo dúas marcas das que non saco ningún beneficio e mesmo unha aproveitase da miña imaxe para publicitar o seu produto. O que eu reclamo é que o deportista teña a posibilidade de lucir os seus propios patrocinadores, xa que ao final eles resultan un apoio fundamental para nós nun deporte onde é moi difícil ser profesional.

Trátase dun problema que vén de atrás. Non conseguiron achegar posturas desde que comezaron as conversas sobre o tema hai dous anos?
Este é un tema que levamos tratando desde o 2006. Só conseguín levar un dos nosos patrocinadores e considero isto insuficiente. Publicito marcas que a min non me aportan ningún beneficio e atendendo á nosa carreira profesional, penso que non podemos renunciar aos nosos patrocinios, porque é un sustento fundamental para o deportista. Eu mesmo me ofrecín a correr cos gastos dos desprazamentos, pero non accederon.

Ten a sensación de que a federación estatal se está a aproveitar de vostede?
Home, un pouco si, porque até o de agora adicáronse a adiar a resolución. É o momento de tomar unha decisión. O ano que vén hai un formato de competición moito máis atractivo, e mesmo mudan as normas no que se refire aos patrocinios. Créase un novo escaparate, as novas series mundiais que pretenden ser moito máis mediáticas. Considérano bo para todos os que participamos no triatlón, e tamén para que o deporte medre. Atoparnos con esta situación é malo para todos. Isto non beneficia o deportista, e se nós non podemos render, tamén remata sendo malo para a federación.

Hai máis de dous anos que lidera as listaxes mundiais da súa disciplina. Cotexa a posibilidade de acudir á Unión Internacional de Triatlón se non chega a un acordo coa FETRI?
Evidentemente, eu non vou renunciar aos meus patrocinadores. Espero que se chegue a unha solución lóxica. O meu desexo é competir no novo circuíto mundial, pero non o vou facer como até agora. Se as cousas non mudan vou mirar outras posibilidades porque hai moitos circuítos, como o americano, francés, ou alemán. Mais está claro que a miña intención é correr as series mundiais. Se non hai solución comunicareino á ITU e veremos o que opinan eles. O máis lóxico é que apoien o deportista, e supoño que será o que fagan de chegar o caso.

A pesar de vivir case toda a túa vida en Galiza, naceu na cidade suíza de Basilea. Se as normas internacionais o permitiran, existe a posibilidade de ver o día de mañá a Gómez Noya competindo coa bandeira helvética?
Non existe a menor dúbida de que quero competir coa selección española. Non creo que deba emigrar, como non o fixen cando tiven serios problemas para competir antes do 2006. Teño claro que vou seguir competindo con España, pero non como até agora.

Tanto no 2006 como agora tivo o apoio total das institucións que gobernan o deporte galego en xeral, e a FEGATRI de forma particular. Sentiu sempre ese amparo?
As institucións galegas sempre estiveron aí nos momentos malos e resulta fundamental para min sentir o apoio neses intres. O meu concello apostou forte por min cando aínda non gañara ningunha competición, e segue a facelo. A Fundación Deporte Galego e FEGATRI están sempre apoiándome no que poden. Sentir este apoio tamén no tema dos patrocinios resulta fundamental para min.

Mudando a un tema puramente deportivo, temos que falar dos Xogos Olímpicos. Como valora este resultado agora que xa pasaron dous meses desde a carreira?
Para min non foi un bo resultado. A miña intención era gañar e sentíame capacitado para facelo, polo que non cumprín cos meus obxectivos. Tiven moitos problemas na miña preparación e foron meses duros, sen que isto sexa ningunha desculpa. Eu teño claro que alí houbo tres triatletas que correron mellor ca min, e non fun capaz de competir ao nivel que desexaba. Tentarei aprender de esta experiencia, que en conxunto foi boa porque é unha competición olímpica. Hai que pensar na carreira e sacar as conclusións para axudar de cara ao futuro. Seguro que me motiva, xa que é o único título importante que me queda por conseguir.

Exerceu algunha presión sobre vostede o feito de que os medios lle quixeramos colgar a medalla antes de correr?
Eu estaba completamente mentalizado de que ía acontecer iso. Máis xente que coñece este deporte sabe que é moi complicado, porque é unha carreira moi táctica e pode nun día pasar de todo. Estiven tranquilo adestrando. O único que me preocupaba era o meu tendón. Fixen o mellor que puiden, loitei contra a dor, conseguín chegar nun estado de forma bo, pero houbo outros tres que fixeron unha grande carreira e superáronme. Ou estás ao 100% ou logo pasas de ser primeiro a oitavo. Esta vez tocoume a min ser cuarto, pero voume coa cabeza alta porque sei o moito que loitei.

Como sentiu as mostras de apoio que recibiu desde Galiza, especialmente en Ferrol?
Cando estás atravesando momentos duros como é a preparación para unha proba de este nivel, este apoio axúdache. Tentas dalo todo, en parte para facer feliz a toda esa xente. Cando vin o que houbo en Ferrol despois da carreira foi emocionante. Resultaría impensábel hai uns anos. Apoios de este tipo axúdanme a loitar cada día.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: