Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
NOVAS OPORTUNIDADES

Arranca en Ourense un máster en consultoría de código aberto

A directora xeral de Promoción Industrial constatou no discurso inaugural a aposta de Innovación e Industria polo software libre.

Redacción - 11:50 20/10/2008

O sábado inaugurouse en Ourense o Máster en Consultoría de Software Libre da Universidade de Vigo, que se desenvolverá na Escola Superior de Enxeñaría Informática. No acto inaugural estivo presente a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, que quixo deixar constancia do apoio da Consellaría de Innovación e Industria polos estándares abertos.

Segundo indicou a directora xeral, o Goberno aposta polo software libre como un xeito de desenvolver unha economía do coñecemento propia e garantir a competitividade das empresas do país fronte á crise dos sectores tradicionais. Veiguela asegurou que "a aposta desta consellaría vai máis alá de simples declaracións de intencións", e indicou que se articula principalmente a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún.

Helena Veiguela subliñou que "hai que trocar o custo de licenza [de software] polo custo de atención e servizo ao cliente". A consellaría, que ademais financia o máster, ten a intención de potenciar o desenvolvemento do software libre na empresa do país, que xa require de profesionais con competencias neste tipo de tecnoloxías. O programa académico do curso de posgrao vai nesa liña, a de formar en consultoría tecnolóxica, migración e protección de datos e interoperabilidade con sistemas propietarios a un máximo de 30 persoas matriculadas.

Os contidos do máster estrutúranse en catro módulos: Tecnoloxías e frameworks de desenvolvemento de software libre, Ferramentas de software libre para intelixencia de negocio, Administración e Dirección das TIC e Seguridade e lexislación. Haberá, de xeito opcional, prácticas en empresas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: