Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ ESTÉVEZ, CÁTEDRA DE ESTUDOS GALEGOS EN DEUSTO

"A este paso en Euskadi van ilegalizar até as cabras"

O profesor ofreceu esta semana en Compostela unha conferencia sobre os pactos políticos estabelecidos entre Galiza, Euskadi e Cataluña ao longo da historia

M.S.P. - 12:30 16/10/2008

En 1923 representantes das tres nacións peninsulares sen Estado asinaron a Triple Alianza; dez anos máis tarde nacía en Compostela o Galeusca; despois, aínda chegaron outros pactos, como o subscrito en Caracas en 1959, nidiamente independentista. Xosé Estévez afondou nestes acordos, e na relación existente a nivel político e cultural entre os tres países. Coñece como poucos galegos o ambiente político que existe en Euskadi, onde é profesor universitario dende 1973. Foi creador da Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto.

O artellamento de políticas conxuntas entre Galiza, Euskadi e Cataluña está no seu mellor momento?

Relativamente. Está nun mellor momento que durante a Transición e boa parte dos anos que van dende 1975 até finais dos noventa. Pero tampouco é unha unión perfecta, porque cada partido ten os seus intereses, e fronte ao Estado Español non forman unha conxunción que lles podería levar a conseguir cousas máis importantes; o BNG ten unhas prioridades, o PNV outras e CiU outras, e iso vese por exemplo nas negociacións dos orzamentos do Estado.

E nos anos vinte e trinta?

Era moi distinto. A situación política na Segunda República era moi inestábel. O que pasou, así e todo, é que o Galeusca articúlase en 1933, e pouco despois cambia a conxuntura política no Estado e triunfan as dereitas, e despois das eleccións do 36 iniciouse a guerra civil e xa non houbo forma de artellar o pacto. E despois todos os pactos que se foron sucedendo foron no exilio, e no exilio é fácil facer pactos mesmo máis radicais e arredistas, pero sen capacidade para influír na política do Estado Español. E por exemplo non hai ningún pacto a nivel dos tres gobernos no exilio, Consello de Galiza, Goberno catalán e Goberno vasco.

A Guerra Civil truncou a posibilidade de desenvolver unha política conxunta entre os tres países, pois.
A guerra truncouno todo. É moi doado facer elucubracións históricas, pero seguramente de funcionar de verdade o Galeusca a República tería gañado a guerra. E en consecuencia o Estado sería federal, que era o que se intentaba na Segunda República co Galeusca, e algúns aínda ían máis lonxe e pedían un modelo confederal. No modelo federal cada nación é soberana e cede unha serie de competencias a un parlamento central; no confederal os estados únense mediante acordos internacionais.

E no exilio mesmo había posicións arredistas importantes, como se viu no Pacto de Caracas...
Houbo dous pactos Galeusca que avogan directamente pola independencia, o primeiro, de 1923, e o último, o de Caracas de 1959, e en ambos os dous hai alusións á loita armada. No primeiro con moitos eufemismos lingüísticos: din que "incluso derramaríamos o sangue e apelaríamos á vía heroica" no caso de que o Estado Español non cedese ás súas reclamacións. O pacto de 1959 apela directamente á independencia, e prevé uns 'grupos de acción', que ademais estaban dirixidos por un galego, Xosé Velo, que ese mesmo ano funda o DRIL, que leva a cabo varios atentados no Estado Español, un deles na estación de San Sebastián, mesmo antes de nacer ETA. E a acción de máis sona foi o secuestro do Santa María.

Agora o Galeusca é un pacto entre tres partidos, tan só. Historicamente quen asinou os pactos en cada momento?
Nalgún dos pactos practicamente estiveron todos os partidos políticos, e noutros non estiveron todos, e hoxe pois só hai tres partidos políticos. No pacto de 1923, menos a Lliga catalá estaban todos os partidos nacionalistas das tres nacións; por exemplo, por Galiza estaban as Irmandades da Fala e Irmandade Nacionalista Galega, por Euskadi estaba o PNV e a Comunión Nacionalista Vasca, e por parte catalá estaba Acció Catalá, Unió Catalanista e Estat Catalá. No Galeusca de 1933, agás un minúsculo partido catalán participaron todos, mesmo a Lliga; por Galiza asinou o PG, Ultreia, a Vangarda Nacionalista Galega de Alvaro das Casas, e quen redactou o pacto foi o propio Alexandre Bóveda, e só está redactado en galego. Por certo que por Euskadi asinaron o PNV e ANV, que foi o partido que primeiro impulsou o pacto, hoxe un partido ilegalizado.

Como está o ambiente social en Euskadi?
A este paso en Euskadi van ilegalizar até as cabras. A situación actual é moi complicada, porque o Estado Español, en lugar de dar un golpe de Estado manu militari, como é a tradición española dende o século XIX, agora utiliza un sistema moi sibilino, que é o poder xudicial. E en consecuencia a situación en Euskadi é dun estado de excepción, a través dunha serie de sentencias xudiciais. A Lei de Partidos Políticos é inconstitucional, e eu estou convencido de que o tribunal europeo de Estrasburgo lle vai dar a razón a Batasuna, igual que lla deu en 2002 ao PKK. O problema é que estas sentenzas tardan de catro a seis anos. Todos os dirixentes emerxentes da esquerda abertzale están sendo defenestrados; uns por participar nun periódico, ou por estar nunha asociación. Está ilegalizado o voto de entre 150 mil e 200 mil persoas, que non poden expresar a súa opinión nas eleccións. Eses votos poderían ir para EA, PNV e Aralar, pero en todas as últimas eleccións non foi así, e foron fieis á esquerda abertzale.

E que vai pasar nas eleccións da primavera? Haberá cambio de goberno?
Se continúa a tendencia das últimas eleccións, pode suceder que o partido maioritario sexa o PSOE, que co apoio do PP podería gobernar en Euskadi. Sería un suicidio, porque sen o PNV é imposíbel gobernar en Euskadi, pero pódeno facer. E se fan unha boa sanidade, unhas boas infraestruturas, tal como está farto o electorado de que os políticos non solucionen os problemas. E despois, empoleirados no poder, quen os bota? Porque xa temos a experiencia de Donosti, onde nunca se pensou que puidese haber un alcalde socialista, pero Odón Olorza leva case vinte anos, e o caso é que non o fai mal.

O PNV nunca aceptará ser o segundo do PSOE nun goberno, ou si?
Podería ser. Dentro do PNV hoxe hai unha pugna interna moi dura, que xa iniciou Imaz e que agora segue Urkullu. Urkullu fixo un pacto cos sectores independentistas, pero é da corda de Imaz: xestor, tecnócrata, sen moita formación política. A este sector moderado, autonomista, gustaríalle pactar co PSOE, Imaz ía nesa liña, falaba de "cativar a España"...

Por que o Estado Español non é capaz de aceptar a pluralidade interna? Esta actitude vai a peor nos últimos anos?
Eu creo que vai a peor, este centralismo mesetario e este xacobinismo aumentan. España nunca logrou configurarse como unha nación; mesmo en todas as constitucións dos séculos XIX e XX só dúas ou tres citan o termo 'nación española', nin sequera no 'Fuero de los Españoles'. Na ditadura franquista calla un nacionalismo español dereitoso, imperialista, militarista, e iso pervive no subconsciente da maior parte dos españois. E por iso cando oen falar de que pode haber outras nacións alporízanse. Socioloxicamente hai un franquismo soterrado que agroma en determinados intres en canto pola periferia aparecen voces disidentes.

Como pode mudar esta situación?
O único que pode cambiar isto é unha pedagoxía a longo prazo, e nesa liña ía a Declaración de Barcelona, na instauración dunha nova cultura política, que debe ir difundíndose en todos os niveis: cultural, universitario, nos medios...; simplemente que no Estado hai varias linguas e varias culturas. Pero os medios de comunicación fomentan case todos ese nacionalismo español imperialista. É imposíbel rachar ese muro, e moito máis despois do pacto de silencio que se fixo na Transición. Mira a que se monta agora cada vez que un neto quere saber en que foxa común enterraron ao seu avó.

A Transición pechou feridas e debates en falso. Foi a grande oportunidade desaproveitada?
Di un refrán que cando o sol pasa pola porta hai que aproveitalo. Na historia de España houbo tres grandes oportunidades, e non sei cando será posíbel a cuarta: unha foi a constitución federal non nata de 1873; outra foi a de 1931, e aí en vez de constituírse unha república federal, crearon un 'estado integral' parecido ao Estado das Autonomías; e a terceira foi a de 1978: ben pola presión dos poderes fácticos, ben polo medo a unha reacción militar, a constitución non recoñeceu o dereito de autodeterminación nin creou un estado federal. E a única cousa que nesa constitución favorece aos vascos e navarros é a Disposición Transitoria Quinta, que recoñece os dereitos históricos do pobo vasco.

Unha vía aínda non explotada...
Si, é unha liña pola que aínda non foron, pero eu creo que Ibarretxe debería ir por aí, porque esa vía si que ten percorrido xurídico e amparo da constitución española. Xa o dixeron Herrero de Miñón e Ernest Lluch. Se se lles recoñecen os dereitos históricos, recoñéceselle a cada un dos catro territorios: Biscaia, Guipúscoa, Álava e Navarra, que é soberano a través dun pacto coa coroa española, un pacto que o rei debe respectar e garantir.


4.92/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: