Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
No Parlamento

Denuncian unha "campaña de criminalización" por parte do PPdeG contra A Mesa

O parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, sinala que esta entidade "deu resultados beneficiosos" para a nosa lingua e critica a "cruzada" e "persecución" á que di está sometida.

Redacción / EP - 18:00 15/10/2008
O presidente da Mesa, Carlos Callón, co responsábel de Mocidade, Fran Rei

O presidente da Mesa, Carlos Callón, co responsábel de Mocidade, Fran Rei

O voceiro de Lingua do Grupo Parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, denunciou esta cuarta feira unha "campaña de ataque e criminalización" que, segundo asegurou, está a sufrir a A Mesa pola Normalización Lingüística por parte do PPdeG.

A iniciativa parlamentaria presentada por Lobeira recolle que A Mesa é "unha entidade social con 22 anos de historia" que "deu resultados prácticos beneficiosos" para o galego e para a "sensibilización social en materia lingüística". Nesta liña, o parlamentario nacionalista criticou a "cruzada" e "persecución" que está a sufrir A Mesa por parte dos populares galegos, que, dixo, "mesmo chegan a manipular a definición desta entidade, convertendo en 'partidaria' unha plataforma independente, plural e apartidaria". Lobeira referíase ás acusacións lanzadas polos populares a pasada semana, asegurando que A Mesa "coaccionaba e atacaba certos estabelecementos comerciais", polo que propoñían a paralización das axudas públicas recibidas pola entidade.

Finalmente, Lobeira quixo sinalar que dende o seu grupo apostan por "rexeitar e condenar calquera intento de criminalizar a persoas e colectivos que defenden" a nosa lingua con "firmeza democrática".

A Mesa pídelle á Xunta que continúe axudando na galeguización de empresas
Polo seu lado, A Mesa pediulle, tamén esta cuarta feira, á Xunta que retome a concesión de subvencións públicas a aquelas empresas que empreguen o galego coma lingua vehicular das súas actuacións, unha partida de axudas que, segundo asegurou o seu presidente, Carlos Callón, "foi suprimida" polo xefe do Goberno, Emilio Pérez Touriño, "nunha das súas primeiras accións como presidente".

Segundo Callón, a concesión de axudas a empresas aparece no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado en 2004, que, segundo dixo, "está a se incumprir": "Touriño eliminou esta partida de axudas e mudouno por un macroconvenio coa Confederación de Empresarios que non está dando resultados", revelou, "senón que máis ben é unha mostra do uso fraudulento do diñeiro público". Nesta liña, A Mesa tamén se dirixiu aos sindicatos, reclamándolles a incorporación dos dereitos lingüísticos dos traballadores nos convenios colectivos das empresas.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: