Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
POR PEDIDO DAS AVOAS DA PRAZA DE MAIO

O represor Videla volve ao cárcere

Jorge Rafael Videla, o que fora o presidente da Arxentina durante varios anos da máis cruel das dictaduras dese país austral, perdeu este venres o privilexio de ficar preso na súa propia casa e foi levado a unha unidade penal.

Débora Campos - 12:00 13/10/2008

Aos seus 83 anos cumpridos en agosto, Jorge Rafael Videla perdeu este venres o privilexio que se concede aos criminais anciáns cando unha orde xudicial orixinada en reclamos de Avóas de Praza de Maio e da Secretaría de Dereitos Humanos sacouno da prisión domiciliaria e mandouno á unidade penal de Campo de Maio.

Pese a atoparse dentro da maior unidade militar do país, non se trata dunha prisión castrense senón dun cárcere común, tal como reclamaban desde sempre os organismos de dereitos humanos e algunhas áreas do propio Goberno.

Videla perdeu o estado militar en 1985, coa condena a reclusión perpetua do Xuízo aos Comandantes que encabezaron o golpe que usurpou o poder o 24 de marzo de 1976. Indultado en 1990 por Carlos Menem, o 10 de xuño de 1998 volveu ao cárcere de Villa Devoto cando un xuíz o procesou por delitos que foran expresamente excluídos dos beneficios das Leis do Perdón: o roubo de nenos a pais en cautiverio e a entrega a xente vinculada aos represores.

A causa foi presentada por un grupo de Avóas da Praza de Maio en 1985. En agosto pasado, as Avóas encabezadas pola súa fundadora, Chicha Mariani, reclamaron ante este xulgado polo cumprimento do principio de igualdade ante a lei e pediron o traslado do ex dictador a un cárcere común.

De todos os xuízos que deberá afrontar aínda Videla, a de maior envergadura é a denominada "Primeiro Corpo do Exercito", que centraliza o xuíz Daniel Rafecas e que inclúe miles de feitos criminais ocorridos nesa gran unidade durante o terrorismo de Estado.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: