Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

Que tempo tendes por aí?

Non sabemos se o lector parou algunha vez a pensar na idea que dá título ao libro de MªÁngeles Durán titulado “O valor do tempo. Cantas horas che faltan ao día?” Nas sociedades urbanizadas os tempos son cada vez máis complicados e superpostos. Nunha mesma franxa horaria, distintos colectivos realizan actividades diferentes. Incluso a noite hai xa ben tempo que non é para todos o momento de durmir, tamén hai quen traballa e quen ten nela o seu espazo de ocio. Ademais o desenvolvemento tecnolóxico permítenos vivir máis lonxe do traballo, co que pasamos moito máis tempo en desprazamentos e amplíanos tamén o abano de aspiracións que é preciso culminar antes de sentírmonos autorrealizados.

Redacción - 12:56 12/10/2008
Tags:

En consecuencia, demandamos solucións que nos permitan compatibilizar todo en 24 horas reais que ten o día. A resposta da sociedade -administracións, empresas, etc- vén en forma de servizos moi necesarios e que extinguen a labarada, pero que non sempre incrementan a calidade de vida ou non a todos por igual. Vellos e nenos, por exemplo, ven como as relacións sociais e veciñais languidecen arrasadas polas nosas présas e son substituídas por institucións que lles organizan os tempos: actividades extraescolares, acampadas con ou sen mergullamento lingüístico, residencias, centros de día etc. Servizos positivos e moi necesarios pero que por si sós non resolven a nosa falta de tempo, pois axudan sobre todo a que poidamos seguir traballando ao mesmo ritmo e soster así no horizonte as nosas aspiracións vitais e materiais. 

Por iso van xurdindo movementos alternativos coma a rede de Cidades Educadoras, as Cidades dos Nenos de Tonucci ou os movementos Slow (amodiño), que cuestionan os ritmos de vida actuais e procuran alternativas que creen contornos máis habitables e participativos para todas e todos. 

Tamén é certo que ás veces vén de fóra e de lonxe esa “solución” que, en realidade, xa hai moito tempo que forma parte da nosa cultura de sempre. Deberiamos volver os ollos á nosa raíz, a esa forma galega e de aldea de vivir o tempo e a vida, a ese saber vivir: con menos cousas, con menos présa, con máis vagar, con máis humanidade. Menos neuróticos e, posiblemente, menos eficaces, pero máis felices. 


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: