Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Conflito pola Praza de Armas

Desacordo de PSOE e EU en Ferrol mentres a oposición vota cos socialistas

Esquerda Unida decidiu absterse na votación sobre a reforma da praza onde está a Casa do Concello. O PSOE contou co apoio de PP, Independentes e BNG.

Redacción / EP - 09:00 03/10/2008

"Quen gaña é o concesionario, a quen felicitamos pola negociación, pero non gaña a cidade de Ferrol", laiábase este xoves a primeira tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Iolanda Díaz, na explicación da postura do seu grupo, Esquerda Unida (EU), durante a votación do proxecto. Díaz recordou ademais que o seu grupo non foi convidado a participar nas conversas coa empresa beneficiada, propiedade de Isidro Silveira, actual presidente do Rácing de Ferrol.

Esquerda Unida critica así o gasto de 2,4 millóns de euros para pagarlle á empresa de Silveira a cambio da rescisión da concesión pola explotación do estacionamento subterráneo e os 11 locais comerciais adxacentes. A líder de EU tamén se queixou de que se afronte un proxecto desta magnitude cando permanece aínda sen finalizar a Praza de España. O novo proxecto impulsado polo PSOE local, co alcalde Vicente Irisarri á fronte, prevé construír un novo aparcamento que pase de 100 a 400 prazas e elimine a área comercial, isto último xa esixido polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Barrio da Madalena.

"Poñer en dúbida a negociación interna que se estivo a facer co concesionario actual para chegar á rescisión por mutuo acordo, está fora de lugar", retrucou Ramón Veloso, voceiro do PSOE, ao respecto das críticas dos socios de goberno. Veloso defendeu a iniciativa socialista e asegurou que "o interese público permanece por riba de todo", rexeitando que as contas municipais se vaian ver resentidas polo rescate da concesión. "Cumpre todos os requisitos", insistiu, cualificando de "frívolo" que se compare o caso da Praza de Armas coa longa polémica da Praza de España.

Finalmente, a proposta do PSOE local saiu adiante con 20 votos a favor: os 9 do PSOE, 6 do PP (faltaba un edil), 3 de Independentes por Ferrol e os 2 do BNG. Abstivéronse os 4 concelleiros de Esquerda Unida. Malia quitárenlle despois importancia ao enfrontamento, durante a crise, o actual alcalde, o socialista Vicente Irisarri, chegara a advertir sobre a posíbel ruptura da coalición de permaneceren as discrepancias.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: