Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
iniciativa do campión do Tour 2006

Óscar Pereiro crea a súa propia fundación para fomentar o deporte de base

Comeza cunha escola de ciclismo, máis quere chegar a outras disciplinas deportivas. Este cuarta feira asinou un convenio coa Fundación Celta de Vigo.

Redacción - 11:18 02/10/2008
Oubiña entrégalle a Pereiro dous abonos de tempada para a súa Fundación

Oubiña entrégalle a Pereiro dous abonos de tempada para a súa Fundación

O ciclista de Mos, gañador do Tour 2006, Óscar Pereiro, constituíu legalmente a Fundación que leva o seu nome, e que nace para fomentar o deporte de base, mais non só o ciclismo.

Aínda que comeza cunha escola de ciclismo, as previsións son traballar pola canteira galega noutras disciplinas deportivas. De feito, esta cuarta feira Pereiro asinou un convenio coa Fundación Celta de Vigo para xuntar esforzos na promoción dos valores do deporte entre os máis cativos. Da parte da Fundación Celta de Vigo estaba presente Carme Avendaño, quen destacou que este traballo de colaboración nace para promover o deporte "infantil, xuvenil e feminino e todos os valores que conleva (...) na nosa cidade e en Galiza".

"Xogo limpo, disciplina e compañeirismo"
Así definiu Avendaño os valores que se ha de seguir nas escolas de fútbol, ciclismo, nos campus de verán e en todas as actividades que organicen xuntas as dúas fundacións, que han interactuar "permitindo que os nenos participen nas iniciativas de unha ou outra entidade de xeito simple e fluído".

Polo seu lado, Óscar Pereiro sinalou que "é complicado saber a que me vou dedicar no futuro, pero se algo teño claro é que que quero axudar e colaborar co deporte base". Neste sentido, Pereiro lembrou que querendo seguir esta liña creou a escola de ciclismo, e que, en breve, pretende presentar un equipo de fútbol sala alevín ", pouco a pouco, a ver se podemos facer algo polo atletismo, o balonmán... e tamén o deporte feminino".

Pereiro tamén dixo que esta colaboración co Celta nace, ademais de compartir as mesmas arelas, do celtismo que el sempre tivo: "Son celtista, un seguidor deste equipo dende sempre, e aínda que non esteamos nos momentos de máis ilusión, un ten que apoiar o equipo, esteamos arriba ou abaixo. Teño esperanzas de que o Celta volva estar onde merece", concluíu o ciclista.

O deporte como medio de superación
Esta quinta feira a Fundación Óscar Pereiro ten organizada unha conferencia na que participarán o preparador físico da selección española de baloncesto e preparador persoal do xogador Pau Gasol, Pepe Casal; o ex xogador de baloncesto, Fernando Romay; e o propio Óscar Pereiro.

O tema a tratar será O deporte como medio de superación. O acto é ás 20:30 horas no Pazo de Mos. A entrada é de balde.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: