Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Estado nega os 241 millóns prometidos

A débeda sanitaria terá que agardar pola "lealdade" do goberno español

O presidente da Xunta recoñece a necesidade de que o sistema sanitario galego reciba esa compensación pero xustifica a negativa do Ministerio de Economía a pagar os cartos.

Redacción - 09:00 02/10/2008

Emilio Pérez Touriño erixiuse este mércores no Parlamento en defensor da posición do goberno español ao respecto da débeda sanitaria con Galiza, un investimento comprometido que o Estado se nega agora a pagar. Na opinión do presidente da Xunta, trátase dun compromiso que seguiría vixente, malia a anunciada intención do Ministerio de Economía de non facer ese pago este ano.

Pérez Touriño respondía así á interpelación parlamentaria que sobre o tema lle facía o voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, e insistía en subliñar a súa confianza en que a "lealdade" institucional permita ver cumprida a promesa máis adiante. Argumentou o presidente que o actual contexto económico sería o motivo do atraso no pagamento e afirmou que a promesa debe "seguir vixente" mentres non se revise o actual sistema de financiamento. Nese sentido, cualificou a cantidade acordada e agora negada de "medida singular, excepcional e de carácter transitorio, mentres non se reforme o financiamento".

"Inaceptábel", denuncia Aymerich
Na súa intervención, o deputado nacionalista Carlos Aymerich salientou o "déficit crónico" da sanidade galega, recordando ademais "a deficiente negociación" que na súa opinión se realizou para o traspaso do Estado entre os executivos estatal e galego, daquela presidido por Felipe González. Nesa liña lembrou Aymerich que o BNG xa apuntara hai tempo a existencia dun déficit oculto na sanidade do país, unha débeda de 335 millóns de euros negada polo PP "e confirmada polo Consello de Contas". Destacou o voceiro do Bloque que a súa formación foi pioneira en criticar o "inaxeitado sistema de financiamento" e propoñer que contemplase a dispersión da poboación e ponderase en maior medida o avellentamento.

Segundo o representante do BNG a cantidade asinada na Conferencia de Presidentes é apenas "un remendo", e resulta "inaceptábel" que aínda así o goberno español incumpra os compromisos asumidos daquela. "O noso país debería ter cobrado este ano 241 millóns de euros, previstos nos orzamentos da Xunta", indicou, advertindo que a calidade asistencial da sanidade vaise ver resentida pola falta de compromiso do goberno español.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: