Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No debate sobre a comisión de infraestruturas

Os deputados do PPdeG saen do Parlamento ao ser acusados de teren un "código xenético reaccionario"

"Veñen do franquismo", engadiu o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, provocando o enfado dos populares, que deixaron o salón de plenos.

Redacción - 13:30 01/10/2008

Só o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, e o deputado que defendía a proposición non de lei, Alexandre Gómez, quedaron nos respectivos escanos parlamentarios, mentres os seus compañeiros de partido escenificaban unha inhabitual queixa polas alusións recibidas durante o debate.

A afirmación de Carlos Aymerich, que se referiu ao suposto "código xenético conservador e reaccionario" do PPdeG, á que engadiu tamén un "veñen do franquismo", acendeu as queixas dos deputados populares, que ao pouco tempo decidían saír en bloque do salón de plenos. Finalizada a intervención de Aymerich, o voceiro do PP, Manuel Ruíz Rivas, cualificou as palabras do nacionalista de "alusións plenamente e conscientemente atentativas contra a dignidade" e insistiu en que a súa formación "non admite" que se diga que veñen "do franquismo". "Nacemos, crecemos e vimos da democracia", subliñou Rivas, ao tempo que desde a bancada do BNG o deputado Bieito Lobeira o interpelaba cunha frase máis: "Condenade o franquismo".

Ruíz Rivas solicitou posteriormente da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, que non estaba no seu escano mentres interviña o do BNG, que se retirasen da acta as alusións de Aymerich. Logo de que Villarino accedese a isto, o voceiro do Bloque pediu nova quenda de palabra, que non lle foi concedida, unha decisión sobre a que o nacionalista non ocultou o seu enfado. "A presidenta é do PP", dixo en voz alta.

Sen acordo sobre o seguimento das infraestruturas
Alén da rifa, os parlamentarios debatían este mércores a proposta do PP para que o Goberno expresase formalmente o seu rexeitamento á negativa do goberno español á creación da subcomisión de seguimento das infraestruturas, ademais de solicitaren unha comisión no Parlamento sobre o tren de alta velocidade.

O PP teimou na Cámara no agoiro da imposibilidade de que a conexión do TAV sexa completada en 2012. "É como xuntar aos raposos no galiñeiro", dixo o deputado popular Alexandre Gómez ao respecto das promesas de seguimento das obras a través de reunións periódicas entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez.

O deputado socialista Pablo López Vidal culpou o PP de non facer nada polas infraestruturas galegas cando estaban no poder en Madrid e concluíu que a emenda presentada por PSdeG e BNG era "máis razoábel" que a proposta dos populares. Pola súa banda, Aymerich recordou que os acordos parlamentarios "son obrigatorios" e advertiu de que a subcomisión de seguimento é necesaria, máis alá das reunións entre Touriño e Álvarez e de "que haxa visitas en helicóptero de Zapatero". O voceiro do BNG pediu contar cun "órgano específico" e institucionalizado, legalmente regulado, para vixiar o cumprimento dos compromisos en infraestruturas con Galiza. Así, e malia a vontade inicial de lograr un acordo, este non foi finalmente posíbel e socialistas e nacionalistas votaron en contra da iniciativa do PP despois de que este partido non aceptase substituíla pola proposta de PSdeG e BNG.


4.17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: