Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Será en Outubro

O BNG escollerá o seu candidato na primeira asemblea de delegados da súa historia

Así o confirmou co 86% dos votos o Consello Nacional da organización. Polo seu lado, o Movemento pola Base reafirmou a súa decisión de abandonar a Asemblea Nacional.

Redacción - 15:00 13/09/2008
Militantes do BNG no Día da Patria deste ano

Militantes do BNG no Día da Patria deste ano

O BNG vai escoller o seu vindeiro candidato á presidencia da Xunta de Galiza nunha asemblea de compromisarios, isto é, delegados escollidos, á súa vez, polas asembleas comarcais. Isto foi o que se acordou na xuntanza do Consello Nacional, desenvolvida este sábado en Compostela, co 86 por cento dos votos dos seus membros.

O nome do candidato nacionalista á presidencia de Galiza coñecerase o vindeiro 5 de outubro, en Asemblea Extraordinaria, na que só han votar os delegados, cuxo número se ampliará dos 1.200 que teñen agora dereito a emitir o seu voto, até os 1.500, "por demanda das bases nos debates comarcais".

Así o explicou o coordinador executivo da formación nacionalista, Francisco Jorquera, quen amosou a súa satisfacción polo "alto grao de apoio" a esta proposta que modifica o modelo de votación da militancia. Neste sentido, e ante as críticas da "pouca democracia" que podería supoñer este cambio, Jorquera saíu ao paso, asegurando que "as bases" das Asembleas Comarcais "están extraordinariamente de acordo con esta proposta que se lles formulou".

O MpB abandona a Asemblea ante a "menor participación da militancia"
Os votos en contra desta proposta chegaron dos partidarios de Camilo Nogueira, do Encontro Irmandiño e do Movemento pola Base (MpB).

De feito, esta última organización do seo do BNG (que conseguiu perto do 10 por cento dos votos na última Asemblea Nacional, e leva tempo traballando en base ao principio de "un/ha militante, un voto") non vai acudir á Asemblea Extraordinaria do 5 de outubro, ao entender que esta mudanza na eleccións de candidatos "mata a militancia individual en favor da colectiva". Para Miguel Anxo Abraira, do MpB, este cambio de regulamento supón "unha fractura moi importante" na que a base de militantes é quen perde. Abraira tamén sinalou que este novo modelo atenta contra o "espírito do BNG" e fai que se vaia convertendo, aos poucos, nun partido político, cando en realidade é "unha fronte". O membro do MpB tamén revelou que algúns militantes históricos do Bloque "e con recoñecemento social" están pensando en abandonar a formación, mais non citou nome ningún.

Co abandono do MpB confírmase a posibilidade, da que xa se tiña falado a pasada semana, de que os sectores críticos do Bloque non participasen no proceso asembleario, se non se abría a toda a militancia. Aínda falta que se pronuncien representantes doutra corrente crítica, a do Encontro Irmandiño, que tamén considera que o proceso de voto non oferece "garantías democráticas".

Os obxectivos do BNG
Na conferencia de prensa, posterior á xuntanza do Consello, Francisco Jorquera destacou que o BNG ten claros os seus obxectivos e que considera que se están a dar "as circunstancias para que se incrementen de xeito significativo os votos e os deputados" nas vindeiras eleccións.

Ademais, Jorquera revelou algunhas das propostas que o Bloque ha levar no seu programa de goberno, como a reforma da Leis de Caixas da aforros (para que estas entidades teñan unha vinculación máis directa co país), a creación dun Ente Xestor Ferroviario propio, a consecución de competencias para Galiza e a reforma do Estatuto.


3,55/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Durante a conferencia de prensa posterior á xuntanza do Consello Nacional
Durante a conferencia de prensa posterior á xuntanza do Consello Nacional
Cartaz do Movemento pola Base, no que defenden unha votación coa participación de todos os militantes
Cartaz do Movemento pola Base, no que defenden unha votación coa participación de todos os militantes