Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
35º aniversario do golpe de Estado en Chile

EUA planeou o derrocamento de Allende dende o mesmo intre en que foi electo

O Arquivo Nacional de Seguridade estadounidense desclasifica novos documentos que confirman a xa probada intervención da Administración Nixon.

Redacción - 14:00 11/09/2008
Pinochet e Kissinger

Pinochet e Kissinger

Estados Unidos intentou derrocar o presidente Salvador Allende dende a primeira semana en que foi electo, en setembro de 1970, segundo documentos difundidos esta cuarta feira polo Arquivo Nacional de Seguridade do país norteamericano e que recollen conversas entre altos cargos do goberno de Richard Nixon. O anuncio realizouse esta cuarta feira, véspera do 35º aniversario do golpe de Estado en Chile.

Nunha destas comunicacións, rexistrada o 12 de setembro de 1970, oito días despois de que Allende gañase as presidenciais, o daquelas asesor de seguridade, Henry Kissinger, afirma que "non podemos permitir que Chile marche polo sumidoiro". Ao outro lado do teléfono estaba o director da CIA, Jesse Helms, que coincidiu co seu interlocutor.

O Arquivo Nacional de Seguridade, un instituto independente de estudos, tamén desclasificou transcricións de conversas de Kissinger con Nixon e co seu secretario de Estado, William Rogers. De acordo a eses documentos, Kissinger informoulle a Nixon de que Rogers recomendara "decidir con sangue frío que é o que compre facer e entón facelo". No entanto, alertou da necesidade de actuar con cautela para que a imaxe de Estados Unidos non se vise prexudicada.

A información feita pública confirma unha vez máis que o goberno de EUA liderou o proceso de desestabilización do goberno de Allende, derrocado polo xeneral Augusto Pinochet hai 35 anos. Outros documentos desclasificados con anterioridade xa probaran que EUA, por exemplo, financiara o paro de camioneiros, en outubro de 1972, dando inicio ás accións para derrocar a Allende.


Ligazóns

3.4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: