Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CANSOS DA SEPI

Os traballadores de Navantia irán á folga pola indefinición do futuro dos estaleiros

A partir do vindeiro xoves iniciarase un calendario de mobilizacións que denuncian a paralización do plan industrial e da incorporación de novos traballadores.

Redacción - 10:00 06/09/2008

O plan industrial deberá definir o futuro dos estaleiros públicos, non obstante, este documento está aínda pendente dende a última reconversión de 2004. Nas últimas xornadas os sindicatos mantiveron unha xuntanza en Madrid cos responsables da empresa naval pública sen que, até o de agora, houbese ningún avance. Ante esta situación, o presidente do Comité Intercentros e do Comité de Empresa de Navantia Ferrol, Ramiro González (CC.OO.) vén de anunciar a adopción de medidas de presión.

Dende o colectivo de traballadores demandan a negociación deste plan industrial comprometido dende hai catro anos, garantías para os distintos centros e áreas de negocio, concrecións sobre o encargo da sexta fragata F – 100 comprometida polo Goberno e un rexuvenecemento efectivo dos equipos. Este último punto é unha das cuestións que máis incomoda aos traballadores, xa que xa fora pactado verbalmente coa empresa sen que, ata o de agora, lle de cumprimento. Segundo Comisións Obreiras, a compañía deixou en suspenso a contratación prevista de 44 persoas para as antigas factorías Bazán, 22 delas para o estaleiro de Ferrol, un compromiso que tiña por obxecto rexuvenecer os equipos de traballo.

As mobilizacións iniciaranse o vindeiro xoves cun paro de dúas horas, aínda que o sindicato non descarta outras medidas de máis intensidade que se decidirán en vindeiras xuntanzas cos traballadores. Ademais, dende Comisións Obreiras acúsase directamente á SEPI da falta de concreción para o futuro industrial dos estaleiros porque "estamos cansos de oír que teñen vontade de negociar, pero hai cuestións pendentes dende 2006".


3,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: